Pestanas principais

Máis de 200 persoas participaron durante o curso 2014-2015 nas actividades da Oficina de Voluntariado de Ames

Venres, 03 de xullo de 2015

[03-07-2015] A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu esta semana o acto de clausura das actividades que desenvolveu a Oficina de Voluntariado de Ames (OVA) ao longo do curso 2014-2015. Neste evento participaron os profesores/as e alumnos/as das Escolas integrais de maiores de Bertamiráns e do Milladoiro e dos obradoiros de relaxación a través das cores. Tamén estiveron a concelleira de Transparencia e Participación cidadá, Isabel González, e o concelleiro de Desenvolvemento sostible, Infraestruturas e Planificación, Blas García.

O Concello de Ames, a través da Oficina do Voluntariado, organiza numerosas actividades e eventos que serven para fomentar a participación social entre os diferentes individuos e colectivos da poboación amesá. Estas actividades son posibles grazas a colaboración desinteresada duns 65 voluntarios/as. Unha vez rematado o curso 2014-2015, este mércores pola tarde celebrouse o acto de clausura das actividades que desenvolve a Oficina de Voluntariado de Ames.

Deste xeito, clausuráronse as clases das escolas integrais de maiores de Bertamiráns e do Milladoiro, que son impartidas polos profesores/as voluntarios/as Antonio Rodríguez e Antonia Fernández. Nestas escolas participaron un total de 39 persoas. Ademais, tamén se clausurou o o obradoiro de relaxación a través das cores que tamén se impartiu por segundo ano consecutivo en Bertamiráns e no Milladoiro. Esta actividade, na que participaron 36 usuarios/as, é impartida pola profesora voluntaria Yris Hernández.

Os datos de participación do resto de actividades son os seguintes: no seminario de viticultura houbo 28 participantes; o servizo de acompañamento tivo 6 usuarios/as; no programa de apoio escolar participaron 35 rapaces e rapazas; do curso de español beneficiáronse 24 persoas; no curso de costura houbo 12 participantes; o obradoiro de corte e confección tivo 14 usuarios/as e no club de lectura participaron 14 persoas. En total foron 224 as persoas que participaron nas actividades da OVA.

Cómpre destacar que durante este curso puxéronse en marcha algunhas actividades novas como foron o curso de “Achégate ao inglés”, no que participaron 16 veciños/as. Esta actividade, que se desenvolveu dous días a semana na Casa da Cultura de Bertamiráns, tivo unha gran acollida entre a veciñanza amesá.

Recoñecemento aos voluntarios/as
A concelleira de Transparencia e Participación cidadá, Isabel González, entregoulle os diplomas aos alumnos/as que asistiron ás actividades da Oficina de Voluntariado de Ames. Neste acto tamén estivo o concelleiro de Desenvolvemento sostible, Infraestruturas e Planificación, Blas García. Ademais, fíxose un recoñecemento ao traballo dos voluntarios/as do Roupeiro municipal e do proxecto de apoio escolar de Bertamiráns e do Milladoiro.

Na súa intervención, Isabel González, fixo un recoñecemento aos traballadores do Concello e a todos os voluntarios/as que colaboran coa OVA. A concelleira agradeceulles a súa dedicación e animounos a continuar desenvolvendo accións voluntarias. “Quero agradecer o traballo dos voluntarios e voluntarias que impulsaron hai máis dunha década diferentes obradoiros e seminarios como Manuel Oitavén, que puxo en marcha o seminario de viticultura, Dolores Somoza, que comezou coa Escola de maiores, Esther Esperante e Dolores Gómez, que se ocuparon do Roupeiro municipal, e a moitas outras persoas que fixeron posible todos os cursos e actividades que se desenvolven na actualidade”, destacou Isabel González.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La Oficina de Voluntariado organizó actividades para más de 200 amienses"