Pestanas principais

Máis de 200 persoas participarán mañá na cata de viños que se organiza no Pazo da Peregrina de Bertamiráns

Venres, 09 de decembro de 2016

[09-12-2016] O comercio amesán “A Cesta natural” organiza, coa colaboración do Concello de Ames, unha cata de viños galegos no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. O “V túnel do viño” terá lugar mañá, sábado 10 de decembro, entre as 18:00 e as 22:00 horas. Por cinco euros as persoas amantes do viño poden degustar até 180 caldos galegos diferentes da xeografía galega traídos das bodegas de até 30 adegas diferentes. Máis de 200 persoas adquiriron a súa entrada para participar nesta actividade.

O Pazo da Peregrina acolle unha cita ineludible para aqueles e aquelas aos que lles guste probar distintos tipos de viños. A Cesta Natural organiza, coa colaboración do Concello de Ames, a súa quinta edición do seu “Túnel do Viño”. O responsable deste establecemento de Bertamiráns, Juan Gaiteiro, explica que a tenda xa non é capaz de albergar a todas as persoas participantes, polo que a actividade foi trasladada ao Pazo. “Moitos adegueiros quixeron unirse”, sinalou satisfeito. A cata comezará ás 18:00 e rematará ás 22:00 horas.

A Cesta Natural púxose en contacto con distintas adegas de Galicia, repartidas polas catro provincias. “Este ano participan 30, pero aínda así quedaron moitas fóra”. Juan considera este dato unha proba da fortaleza do sector vitivinícola galego. “O noso patrimonio é xigantesco, cada vez xurde máis xente” que traballa as viñas, “e que o fai ben”. As adegas que se uniron a este “Túnel do viño” son “máis pequenas”, xa que a organización se inclina por persoas que traballen “de xeito tradicional, achegándose o máis posible á agricultura ecolóxica e sostible”.

Juan explica que non só querían contar coa presenza de numerosos colleiteiros e colleiteiras, senón que queren levar até o Pazo “todos os tipos de uvas que medran” nos terruños galegos. “A garnacha, o caíño branco, o caíño tinto, o albariño...”, ensinando ao público “por que se diferencian, que fai que os viños saiban de forma distinta” e demostrar a calidade “dos nosos terruños”. Representantes das adegas estarán presentes na cata para que a xente “se poña en contacto con eles, que lles podan "preguntar como producen, por que producen”. Na xornada presentaranse 180 viños con nomes, uvas, e orixes distintos.

Ademais, engade Juan, os viños "venderanse durante estes días a un prezo reducido". O obxectivo sobre a mesa deste comercio é, ademais da descuberta de novos sabores, "levar aos fogares galegos viños e espumosos da terra para compartir en familia polo Nadal".

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Cata de vinos en Bertamiráns"
La Voz de Galicia: "A cesta natural organiza una cata de vinos en Bertamiráns"