[29-05-2015] O Concello de Ames pon fin ao programa de escolas deportivas que se está desenvolvendo dende o pasado mes de outubro e no que participaron 1.864 persoas. O acto de clausura terá lugar este sábado no pavillón polideportivo do Milladoiro. Os rapaces que participaron neste programa deportivo desenvolverán varias exhibicións dos deportes que practicaron durante este curso: patinaxe, aeróbic, fútbol sala, predeporte, voleibol, judo, ximnasia rítmica, ballet, baloncesto e tenis.
O deporte e as actividades das escolas deportivas son unha boa forma de desenvolver unha vida saudable e adquirir valores tan importantes como a deportividade, o respecto e a tolerancia. Por este motivo, o Concello de Ames aposta ano tras ano polo desenvolvemento destas actividades que sempre acadan uns resultados moi positivos. Durante o curso 2014-2015 un total de 1.034 nenos e 830 adultos participaron no programa municipal das escolas deportivas municipais, que incluíron once actividades deportivas para nenos e catro actividades físicas para adultos.
No apartado de escolas deportivas impartíronse as actividades de ballet, baloncesto, fútbol sala, fútbol sala feminino, judo, natación, patinaxe, predeporte, tenis, voleibol e ximnasia rítmica. No campo de actividade física para adultos, o programa incluíu ximnasia de mantemento; aeróbic; pilates; e spinning, abdominais e glúteos.
No acto de clausura deste sábado, a partir das 16:30 horas iranse sucedendo e ao remate, previsto para as 19:30 horas, repartiranse camisetas e agasallos.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Ames despide el curso con una exhibición"




