[03-03-2017] O Concello de Ames colabora un ano máis co programa Vacacións en Paz, que leva a cabo a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, a través do cal as familias do municipio poden acoller durante os meses de xullo e agosto nenos e nenas saharauís que viven nunha situación complexa nos campamentos de refuxiados de Tindouf en Alxeria. Ames colabora na sexta edición da cea solidaria en apoio ao programa Vacacións en Paz, que se desenvolverá este sábado, 4 de marzo, ás 21:00 horas, no Restaurante Paz Nogueira, que está situado en Santiago de Compostela. Para asistir á cea pódese contactar con Esther Ybarra, portavoz na zona da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, chamando ao número de teléfono 609 76 49 45.
Este sábado, 4 de marzo, ás 21:00 horas, o Restaurante Paz Nogueira, que está situado en Santiago de Compostela, acollerá a sexta edición da cea solidaria en apoio ao programa Vacacións en Paz, que organiza a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. A través desta iniciativa trátase de recadar fondos e poder financiar os billetes de avión dos nenos e nenas que virán a Galicia este verán dentro do programa Vacacións en Paz. Deste xeito inténtase que veñan a Galicia o maior número posible de rapaces e rapazas do Sáhara. Grazas a esta iniciativa o ano pasado arredor de 20 rapaces e rapazas foron acollidos por familias de Ames, Brión, Teo e Santiago.
Dende a organización indican que está previsto que acudan a esta cea máis de 160 persoas, entre as que estarán presentes o alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, e a concelleira de Participación e Atención Veciñal e Promoción Económica, Isabel González. Ademais, todos os grupos políticos municipais participaron nesta iniciativa facendo unha achega económica a través da fila 0.
O Concello actúa como mediador
O Concello de Ames colabora un ano máis co programa Vacacións en paz, que leva a cabo a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, para que varios nenos/as saharauís poidan pasar os meses de verán con familias amesás. A través deste programa o pasado ano 6 rapaces e rapazas tiveron a oportunidade de pasar o verán en Ames. Para este ano xa hai 9 familias amesás que van participar no programa, o que é todo un éxito xa que se incrementa o número de nenos/as que virán durante os meses de xullo e agosto ao concello de Ames.
O Concello actúa de mediador entre as familias e esta asociación para xestionar a estadía dos nenos/as saharauís en Ames. Este programa preséntase nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciarlles unha estancia agradable e humanamente rica aos nenos e nenas saharauís. Trátase de ofrecerlles a estes cativos, que naceron nun clima de guerra, a posibilidade de coñecer outros xeitos de vida, de maneira que iso contribúa, a súa formación.




