Pestanas principais

Máis de 160 nenos/as exploran toda a súa creatividade na Primavera Lúdica de Ames

Luns, 15 de abril de 2019

Hoxe comeza unha nova edición do programa Primavera Lúdica, a través da que o Concello de Ames procura axudar ás familias a compatibilizar a vida laboral e familiar ofrecendo actividades matinais ás crianzas do segundo ciclo de infantil e de educación primaria, que nesta edición están destinadas a potenciar a creatividade e a autonomía dos cativos e cativas. O programa, que conta con servizo de Bos días e comedor, desenvolvese os días 15, 16, 17 e 22 de abril. Nesta edición participan un total de 161 rapaces e rapazas, dos que 93 acoden ao Milladoiro e 68 a Bertamiráns.

Esta nova edición da Primavera Lúdica xira en torno ao programa “Got Talent Ames: Tes talento”, mediante o que se busca fomentar a autonomía, a autoestima e a creatividade dos 161 nenos e nenas que participan. Así, a través de diversos exercicios e dinámicas tentase potenciar a inquedanza creadora e o traballo cooperativo das cativas e cativas, sempre con actividades adaptadas ás distintas idades e gustos dos rapaces e rapazas.

Durante esta primeira xornada, os nenos e nenas realizaron unha primeira presentación para familiarizarse cos seus compañeiros/as, na que tamén falaron sobre os talentos que posúen. A continuación, participaron nunha sesión de xogo libre para coñecerse mellor e divertirse en equipo. Despois deste primeiro contacto, nos próximos días prepararán as actuacións que eles elixan para a final do programa de “Tes talento”, o evento que clausurará este programa de conciliación.

Esta última xornada estará destinada a que os cativos/as demostren todo o talento que atesouran mediante actuacións de maxia, baile, humor, canto, poesía ou calquera ámbito no que se sintan cómodos e queiran compartir cos seus compañeiros e compañeiras. Para estas actuacións, os nenos escollerán que queren facer segundo os seus gustos e aportes, mediante os que reflectirán todo o seu esforzo nunha gran actuación para desfrutar eles e os seus compañeiros/as. Os nenos/as que non queiran actuar poderán participar no evento como xurado. Así, nesta representación os nenos e nenas poderán expresarse libremente, posto que eles/as son serán os protagonistas absolutos.

Ligazóns

Máis de 160 nenos/as exploran toda a súa creatividade na Primavera Lúdica de Ames

Multimedia

  • Máis de 160 nenos/as exploran toda a súa creatividade na Primavera Lúdica de Ames
  • Máis de 160 nenos/as exploran toda a súa creatividade na Primavera Lúdica de Ames