Pestanas principais

Máis de 1.500 usuarios participan nas diferentes actividades que ofertan as escolas deportivas municipais

Sábado, 31 de outubro de 2015

[31-10-2015] As escolas deportivas municipais do Concello de Ames volven superar este curso os 1.500 usuarios e usuarias, sumando un total de 1.516 persoas que escolleron algunha das quince disciplinas que oferta o Concello de Ames para a práctica deportiva. Pilates, patinaxe e tenis son, un ano máis, as actividades máis demandadas pola veciñanza, seguidas por ximnasia de mantemento e aerobic. Nalgunhas disciplinas mesmo se esgotaron as prazas dispoñibles e hai un total de 398 persoas en lista de agarda. As escolas deportivas municipais contan con preto de cen monitores do grupo Eulen e persoal dos clubs locais como o Bertamiráns FC, Milladoiro SD, CV Bruxas, Meigas FC e Patinaxe Sarela.


As escolas deportivas municipais do Concello de Ames botaron a andar a principios deste mes de outubro e prolongaranse ata finais de maio de 2016. As actividades desenvólvense na Casa da Cultura de Bertamiráns, no ximnasio do IES do Milladoiro, nos pavillóns polideportivos de Bertamiráns e do Milladoiro, no pavillón do Colexio Alca, no Ximnasio Squash, no colexio Agro do Muíño e nos locais sociais de Trasmonte, Biduído e Aldea Nova, segundo a disciplina da que se trate.

O alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, destaca que “o deporte e as actividades das escolas deportivas son unha boa forma de desenvolver unha vida saudable e adquirir valores tan importantes como a deportividade, o respecto e a tolerancia. Por este motivo, o Concello de Ames aposta ano tras ano polo desenvolvemento destas actividades que sempre acadan uns resultados moi positivos. Cómpre destacar que este ano houbo un incremento de usuarios/as neste servizo municipal”.

Ao igual que aconteceu na última edición, as actividades máis demandadas pola veciñanza amesá son pilates, patinaxe e tenis, con 313, 189 e 124 matrículas respectivamente. Ximnasia de mantemento, con 121 matrículas, aerobic, con 119, spinning, con 102, e fútbol sala masculino, con 101, configúranse como outras disciplinas con moita demanda entre a poboación.

No caso do spinning, unha práctica deportiva en auxe nos últimos anos, completáronse todas as prazas ofertadas e conta cun total de 74 persoas en lista de agarda. Significativo é tamén o dato de pilates, a actividade máis demandada e que conta tamén con 134 persoas en reserva. A oferta deportiva complétase con clases de ballet, baloncesto, fútbol sala feminino, judo, natación, ximnasia rítmica, voleibol e predeporte.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Más de 1.500 amienses, en las escuelas deportivas... y otros 400, en lista de espera"