[19-10-2018] Este domingo, 21 de outubro, celebrarase a XIX Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames. O número de inscritos/as incrementouse respecto á edición de 2017 e un ano máis vólvese a superar o milleiro de participantes. Este ano hai inscritas 1.432 persoas nesta carreira popular. Uns 872 rapaces e rapazas están inscritos na carreira escolar, mentres que na proba absoluta hai inscritas 560 persoas. Contarase cun circuíto de 10 quilómetros homologado pola Real Federación Española de Atletismo. O percorrido irá dende os 200 metros ata os 10 quilómetros e haberá un total de 17 categorías.
Debido a celebración deste evento deportivo o domingo 21 de outubro, estará prohibido estacionar na rúa Alcalde Lorenzo das 8:00 ás 15:00 horas. Asemade, en horario de 10.00 a 14.00 horas, permanecerán cortadas a rúa Alcalde Lorenzo, A Condomiña (estrada DP-0205 ata rotonda do Agro do Muíño), quedando afectadas todas as vías de acceso a ese tramo: Agro do Muíño, Sisalde, rúa Entrerríos, rúa Agrelo, rúa Xunqueira, A Condomiña e As Punxeiras.
Os corredores da proba absoluta (categorías sub 18, sub 20, sub 23, sénior, máster 1, máster 2, máster 3, e máster 4) tomarán a saída ás 10:30 horas da mañá dende a rúa Alcalde Lorenzo. Ás 12:00 horas está previsto que comecen as probas da categoría pitufo (nados no ano 2014 e posteriores), que correrán unha distancia de 200 metros. A esta seguiranlle os grupos prebenxamíns (350 metros), benxamíns e alevíns (1.000 metros), infantís e cadetes (2.000 metros), é dicir, todos os nacidos entre os anos 2003 e 2013.
Recibirán trofeos os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculinos e femininos e os tres primeiros absolutos masculino e feminino. Na proba absoluta recibirán trofeo os/as tres primeiros/as clasificados/as locais empadroados/as no Concello de Ames. Este ano, como novidade, e por primeira vez na historia da carreira, tamén recibirán trofeo os tres primeiros clubs da carreira absoluta. Por último, ao igual que nos últimos anos, os máis pequenos recibirán a súa medalla de chocolate como recoñecemento do esforzo realizado.
O Concello volverá a ofrecerlle aos corredores e corredoras a posibilidade de recibir atención física ao rematar a proba. Os/as deportistas que o precisen poderán recibir sesións de fisioterapia para recuperarse do esforzo feito. En anos anteriores, este servizo, foi moi ben valorado. Do mesmo xeito, este ano os máis pequenos tamén terán a oportunidade de gozar dun inchable, que se instalará nun dos laterais da praza do Concello e que animará a festa deportiva.

O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizan para este domingo, 21 de outubro, a décimo novena edición da carreira pedestre do Concello de Ames. A proba, que este ano está apadriñada polo atleta Pedro Nimo, pertence ao VI Circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña. Nesta iniciativa tamén colaboran outras entidades como a Deputación da Coruña, a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, a cafetería Don Budi, Gadis, Serviplus, Los Angeles Gas, GST Telecomunicacións e Banco Sabadell.
A saída e chegada de cada proba farase na rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns, tal como se veu realizando nas dúas últimas edicións, unha vez que se decidiu trasladar a proba desde o entorno do Pazo da Peregrina ao centro do núcleo urbano para así facer máis partícipe á veciñanza. O circuíto da proba absoluta estará debidamente sinalizado e contará con indicacións en cada quilómetro, ademais de estar homologado na distancia de 10 km pola Real Federación Española de Atletismo, obxectivo acadado hai dous anos coa coincidencia da proba do Campionato Galego de 10km. Para a organización deste evento cóntase coa colaboración dos clubs de atletismo do concello (Millaraio, Sar e Bertamiráns) e ademais colaborará o club ciclista Os Esfola Arrós e maila Agrupación de Protección Civil de Ames.
Este ano inscribíronse un total de 1.432 deportistas para participar nesta carreira popular. Uns 872 rapaces e rapazas, das categorías pitufo (feminino e masculino), prebenxamín (feminino e masculino), sub 10 (feminino e masculino), sub 12, sub 14 e sub 16, están inscritos/as na carreira escolar, mentres que na proba absoluta hai inscritas 560 persoas, pertencentes ás categorías sub 18, sub 20, sub 23, sénior, máster 1, máster 2, máster 3, e máster 4.
Os dorsais retiraranse na secretaría da organización situada na Casa do Concello o día anterior á carreira, o sábado 20 de outubro, en horario das 17:00 ás 20:00 horas, ou no mesmo día da carreira ata media hora antes da proba correspondente. Para non gardar colas recoméndase recoller o dorsal o día anterior no lugar establecido. Os participantes deberán ademais colocarse na zona de saída 10 minutos antes do comezo de cada proba.
Contido relacionado

Compostela 24 horas: "Ames celebra hoxe a súa XIX Carreira Pedestre Popular de Ames"
La Voz de Galicia:"Lolo Penas y Edymar Daniely, vencedores de la Carreira de Ames"




