[23-11-2011] Esta mañá 130 alumnos do IES de Ames asistiron a unha charla cun policía nacional, na que se lles explicou de xeito interactivo e con casos prácticos o tema da violencia de xénero. A Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, o alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González, presentaron este acto ao que tamén asistiron membros dos grupos políticos da oposición amiense. Susana López Abella pediu “complicidade e axuda aos máis novos porque sodes as xeracións de futuro e a nosa esperanza”, e dixo que espera que entre todos logremos a tolerancia cero para a violencia de xénero. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Muller, María González pediron implicación e sensibilización na sociedade e agradeceron tamén a presenza de membros dos grupos municipais socialista e nacionalista. Santiago Amor aludiu á importancia “da unidade das forzas políticas na loita contra a lacra social que supón a violencia de xénero”.
Esta charla enmárcase dentro dos actos programados pola concellería de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude de cara ao Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, Alejandro Gómez, foi o policía nacional que impartiu hoxe ante máis de 130 rapaces e rapazas de entre 14 e 17 anos unha clase moi didáctica para explicar diversos aspectos do tema da violencia contra as mulleres. A clase consistiu na presentación dun caso práctico que aconteceu este verán en Galicia, para que os rapaces, por medio dun método de preguntas e respostas fosen sacando conclusións sobre as causas primarias da violencia de xénero. Na investigación proposta polo policía o obxectivo non era buscar culpables, se non estudar o fenómeno da violencia machista.
Alejandro Gómez aportou datos na charla coma que o 60% das mulleres no mundo van sufrir violencia de xénero ou que entre os anos 2007 e 2010 en España producíronse 430.000 denuncias e morreron 308 mulleres o que fai que por cada 1.500 denuncias morre unha muller. O monitor explicou a partir dos datos anteriores a lacra que supoñen os crimes, pero tamén a terrible realidade das persoas que sofren este tipo de violencia aínda que non cheguen a ser asasinadas.
"Calquera pode ser vítima e calquera pode ser agresor", "as doenzas poden ir máis alá do físico" ou "o problema radica en que a persoa que agrede non considera á súa parella como un igual, polo que a violencia de xénero ten unha gran carga ideolóxica" son premisas ás que os rapaces puideron chegar a partir do exercicio plantexado polo policía.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Jóvenes amienses aprenden a detectar la violencia de género"
El Correo Gallego: "Más de 130 jóvenes acuden a una charla acerca de violencia sexista en Ames"




