Pestanas principais

Máis de 1.200 persoas participan na segunda edición do Día do Deporte de Ames

Luns, 17 de setembro de 2018

[17-09-2018] Máis de 1.200 persoas achegáronse este domingo, 16 de setembro, ao Milladoiro para vivir o Día do Deporte de Ames. Delas, 400 persoas participaron da ampla oferta de actividades deportivas organizadas polo Concello de Ames. Asemade, ao final da xornada, aqueles que participaron nun mínimo de cinco actividades distintas puideron entrar no sorteo dunha noite de hotel e vinte vales para diversas actividades deportivas na escola Dancenter Gala.


Se ben todas as actividades tiveron unha gran acollida, as máis demandadas nesta edición foron piragüismo, a marcha nórdica e mailo tiro con arco.

O punto e final do día marcouno o sorteo de varios agasallos cedidos pola escola de danza Dancenter Gala de Santiago, como foron unha noite de hotel no Oca Augas Santas Balneario y Golf Resort, situado na Ribeira Sacra, e vinte vales regalo para participar en clases de pilates, adestramentos persoais, e outras moitas actividades na escola. Para participar, os/as asistentes debían acreditar, mediante o selado dun folleto que se recollía nun stand da entrada, a súa participación nun mínimo de cinco actividades ao longo da xornada.

Con este tipo de iniciativas, a Concellaría de Deportes busca dar a coñecer novas actividades que se están a practicar ou poderían realizarse no concello, e que non son tan coñecidas entre a veciñanza como poden ser o fútbol, o baloncesto ou o tenis. Con este obxectivo, este ano incrementouse o abanico de actividades con respecto ao do pasado ano, así como o nivel de aceptación entre a veciñanza, que superou as previsións da organización.


Un ano máis, o Concello de Ames continúa a apostar pola promoción do deporte, unha actividade lúdica e mental que mellora substancialmente a vida de quen o practica. Por este motivo, a Concellaría de Deportes organizou no Milladoiro este domingo, 16 de setembro, a segunda edición do Día do Deporte, na que a veciñanza amesá puido participar en diferentes deportes, en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas. A esta festa do deporte amesán asistiron máis de 1.200 persoas, das cales unhas 400 persoas participaron nalgunha das actividades programadas.

Pola mañá, entre as 10:00h e as 14:00 horas, programáronse diversas actividades como spinning, step, zumba, body combat no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro, mentres que na zona verde tiveron lugar un torneo da chave, tiro con arco e un obradoiro de iniciación á marcha nórdica, organizado pola Concellaría de Sanidade e Servizos Sociais. No pavillón practicouse, pola súa banda, baloncesto.

Despois dunha pausa para comer que durou tres horas, continuaron a desenvolverse as actividades de spinning, step, zumba, body combat, pilates e ioga no aparcadoiro da Casa da Cultura; así como outras actividades que se practicaron ao longo de todo o día, como piragüismo na piscina municipal, tenis nas pistas exteriores e xadrez nunha carpa habilitada na entrada do pavillón. Mentres tanto, no pavillón houbo varias sesións de patinaxe, e voleibol no ximnasio. Nas pistas exteriores, pola súa parte, practicouse fútbol.



Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Máis de 1.200 persoas participan na segunda edición do Día do Deporte de Ames"