- Tematica
O Festival Internacional de Maxia de Ames arrasou un ano máis no concello, acollendo a preto de 1.100 persoas durante os días 22, 23, 24 e 25 de outubro nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Deste xeito, mantense coma un dos eventos que a veciñanza máis desfruta e con maior acollida do concello. Este ano contou cunha programación moi diversa e con actividades dirixidas a todos os públicos. Con variadas propostas e espectáculos, o festival contou cunha ampla participación en todas as actividades, destacando as catro sesións das Galas Máxicas Internacionais e os espectáculos de maxia para bebés co Mago Paco, que estiveron completos en todos os pases. Preme nesta ligazón para ver a galería fotográfica do FestiMax 2026.
Do 22 ao 25 de outubro Ames acolleu a XXI edición do Festival internacional de Maxia, onde se deron cita algúns dos mellores magos galegos e internacionais. Esta edición do Festimax volveu ser un éxito, xa que se completou o aforo en moitas das actividades do programa, contando todas elas con moi boa acollida. En total, 1.071 persoas asistiron este ano ao festival de maxia.
Dende o Concello valoran moi positivamente a participación deste ano no Festimax, en especial o ambiente vivido nas catro sesións das Galas Máxicas Internacionais celebradas o sábado 24 e o domingo 25 de outubro. Foi un encontro cheo de espectáculos moi diversos, con trucos de maxia máis sinxelos ata grandes ilusións que fixeron vibrar ao público.
O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, explica que “seguiremos apostando por este festival porque é un dos eventos que máis éxito teñen da programación cultural que organizamos ao longo do ano. A vixésimo primeira edición do festival de maxia volveu a xuntar nas Casas da Cultura a máis de 1.000 persoas que asistiron aos diferentes espectáculos programados. Este festival xunta ano tras ano a un gran número de persoas de Ames e da súa contorna. Tras 21 anos o FestiMax xa é un dos festivais de maxia máis lonxevos e consolidados de Galicia”.
Maxia para bebés e maiores
Unha das actividades con máis éxito este ano foron as sesións de maxia para bebés da man do Mago Paco, co seu espectáculo “Patapatún”, que contou con moita afluencia de público, cos dous pases completos e cun total de 160 participantes. Tamén co Mago Paco, as entradas voaron para a sesión de “Xoga e Maxia” no Milladoiro, dirixida ao público infantil. A este último asistiron 140 persoas.
A maga Martilda foi a encargada de sacarlle un sorriso aos maiores, e de seguro que o logrou. Cun espectáculo moi divertido e cheo de humor, música e moita interacción e diálogo co público, Martilda actuou para 46 maiores na Casa dos Maiores de Bertamiráns e no local de JUPEMI do Milladoiro.
Obradoiros de maxia
Outra das actividades que se realizaron de novo este ano foron os obradoiros de maxia, que sempre gozan dunha gran acollida e están dirixidos a rapaces e rapazas de entre 8 e 14 anos. Nesta ocasión os obradoiros de maxia foron impartidos por Samuel Moreno, nos que lles ensinou aos participantes nocións básicas sobre maxia. Nos obradoiros participaron un total de 25 persoas.
Gala Máxica Internacional
O prato forte do festival chegou o sábado 24 e o domingo 25 de outubro, coa xuntanza dos magos máis premiados do momento. Así, produciuse unha mestura de maxia moi diversa, de diferentes estilos e procedencias para crear unha experiencia única. En total, este ano asistiron ás galas un total de 700 persoas.
A Gran Gala Máxica Internacional, estivo presentada polo mago Dani Polo e contou coa participación de David Díaz, procedente de Madrid; Cástor & Pólux, de Valencia; o arxentino Mirko Callaci; e Mag Marín, dende Barcelona.
De menos a máis, o espectáculo comezou con trucos de manipulación e números máis poéticos, e foi escalando ata a maxia mentalista, introducindo ao público a telepatía de Cástor & Pólux. Para poñer broche final á gala, non faltaron as grandes ilusións e efectos, que fixeron vibrar ao público.
Cómpre destacar a gran participación nas galas, que estiveron completas nos seus catro pases, así como a diversidade dos presentes, cun maior peso de familias nas sesións das 17.00 horas, e cunha maior participación de xente moza e adulta sen cativos nas sesións das 19.30 horas. Máis alá da boa acollida que o Festimax tivo entre a veciñanza do concello, tamén se achegaron familias e persoas dende moitos lugares de toda Galicia.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "El Festimax hace magia en Ames y reúne a más de 1.000 personas"




















