Pestanas principais

Máis de 1.000 persoas asisten á Feira do Monte que pretende seguir medrando con máis expositores e maior duración

Luns, 17 de novembro de 2025

Trasmonte acolleu durante esta pasada fin de semana unha nova edición da Feira do Monte “Tanto Monte, Monte Tanto”, que segundo a organización saldouse cun balance moi satisfactorio, xa que se superaron as expectativas iniciais en canto á participación de público e ás vendas dos expositores. O persoal das empresas participantes nesta edición manifestaron o desexo de seguir participando nesta feira de cara á próxima edición. Para 2026 o obxectivo é ampliar o espazo da carpa para poder acoller máis expositores e ampliar a duración do evento a dúas xornadas completas, finalizando a feira o domingo pola tarde-noite. Premendo nesta ligazón podes acceder á galería de imaxes da V Feira do Monte.

A V Feira do Monte “Tanto Monte, Monte Tanto” demostrou que se trata dun evento xa consolidado, tanto pola gran afluencia de público que tivo, coma pola satisfacción mostrada polos expositores que participaron na feira. O concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, agradece a gran implicación e dedicación do persoal municipal (Patricia Reboreda, Sonia Moure, persoal da Brigada de Medio Ambiente, Policía Local e Protección Civil), así como do persoal da empresa Cunde, que traballaron arreo para que todo saíse perfecto. Dende o Concello tamén se agradece a colaboración da Asociación de veciños/as de Trasmonte Monte do Crego.  

Ademais, Javier Antelo, explica que “nesta edición superáronse todas as expectativas iniciais en canto á afluencia de público. Tanto o sábado durante todo o día coma o domingo toda a maña houbo unha gran cantidade de xente que pasou por Trasmonte para visitar a feira. Os tres obradoiros impartidos por Luis do Río e Amoroteu espertaron o interese de moitas persoas que estaban na feira, e como todos os anos, as degustacións foron todo un éxito esgotando os produtos ofrecidos. Espertou unha gran expectación a degustación de xabarín con castañas ofrecida o sábado pola tarde”.

Satisfacción dos expositores participantes
Nesta edición contouse con 22 expositores que ofreceron produtos como aceite, produtos a bases de castañas, mel, licores artesanais, produtos de fiado de la pura de ovella, embutidos, queixos, libros antigos e de segunda man, traballos creativos de téxtil natural, produtos de porco celta, produtos de artesanía, madeira torneada, lámpadas e cuncos de cera, cafés e tés, queixos de cabra, cestos feitos a partir de medula, produtos artísticos personalizados, arandos, xeles naturais e instrumentos de percusión.

O persoal de todos os expositores mostraron a súa satisfacción pola organización da feira, o bo trato recibido e polo bo nivel de vendas que tiveron.  A modo de exemplo pódese dicir que Amarelante Sociedade Cooperativa Galega, de Manzaneda, trouxo á feira o dobre de produtos que na edición anterior e vendeu todo na xornada do sábado. O persoal de Aceites Embruxo tamén destacou o bo nivel de vendas que tivo na feira, entre outros expositores.

Exposicións permanentes e obradoiros
Por outra banda, houbo catro exposicións permanentes: do proceso de fiado de la de ovella galega, da Asociación Cabanas Rural; do torneiro José Manuel Prado; sobre a fabricación e reparación artesanal de instrumentos musicais con Xosé Tuñas Percusión; e de cestos feitos de medula, a cargo de Recuncho artesán Lourdes Suárez.

Tamén se impartiron tres obradoiros, que tiveron moi boa acollida entre o público asistente á feira. Luis do Río impartiu dous talleres ao longo da xornada do sábado: un sobre cestería de láminas e outro sobre gaitas con herbas. O persoal de Amoroteu impartiu o domingo un obradoiro de estampado con tintas naturais. Os tres obradoiros espertaron gran expectación e contaron con moitos participantes. 

Degustacións e música tradicional
Outra das actividades con maior participación foi a degustación de produtos gastronómicos que este ano incluíu pratos moi orixinais como as pizzas do monte de Sicilia in Boca; xabarín con castañas, a cargo do restaurante Onde Keiras; as hamburguesas de vaca de cría extensiva ofrecidas por Discarlux; os doces do monte, a cargo de repostería Dolce e Bambini; e os chicharróns de porco celta de Cienporcel. Todas as degustacións tiveron moi boa acollida por parte da veciñanza e esgotáronse todos os produtos. De cara a vindeira edición barállase a opción de contar con algunha degustación máis xa que foi unha das actividades máis demandadas.

Ao igual que en edicións anteriores, este ano tamén se contou con música tradicional, para amenizar as xornadas da feira, a cargo dos grupos Airiños do Paseo de Colón, A Requinta da Maía e As Pandereteiras da Costaneira. 

Por último, o sábado pola mañá realizouse unha saída para recoller cogomelos en Trasmonte, e pola tarde fíxose a identificación e exposición de cogomelos a cargo de persoal da asociación Brincabois. Aproveitando a celebración deste evento, o domingo pola mañá, realizouse a entrega de premios do V concurso de fotografía Enfoca Ames 2025. 

De cara á vindeira edición o obxectivo é ampliar o espazo da carpa para poder acoller máis expositores e ampliar a duración do evento a dúas xornadas completas, finalizando a feira o domingo pola tarde-noite.

Novas relacionadas: 

El Correo Gallego: "Más de mil visitantes gozaron de la Feira do Monte de Ames"

Máis de 1.000 persoas asisten á Feira do Monte que pretende seguir medrando con máis expositores e maior duración

Multimedia

  • Máis de 1.000 persoas asisten á Feira do Monte que pretende seguir medrando con máis expositores e maior duración
  • Máis de 1.000 persoas asisten á Feira do Monte que pretende seguir medrando con máis expositores e maior duración
  • Máis de 1.000 persoas asisten á Feira do Monte que pretende seguir medrando con máis expositores e maior duración
  • Máis de 1.000 persoas asisten á Feira do Monte que pretende seguir medrando con máis expositores e maior duración
  • Máis de 1.000 persoas asisten á Feira do Monte que pretende seguir medrando con máis expositores e maior duración
  • Máis de 1.000 persoas asisten á Feira do Monte que pretende seguir medrando con máis expositores e maior duración