[31-03-2015] O Concello de Ames colabora co Bertamiráns FC na organización do IV Torneo de Fútbol Base Ames Cup, que terá lugar no campo municipal de Bertamiráns, entre o xoves 2 e o sábado 4 de abril, de 9:00 a 20:30 horas. A esta competición asistirán máis de 1.000 nenos e nenas de 72 equipos de toda Galicia, con idades entre os 6 e os 11 anos. Participarán todos os clubs que teñan categorías prebenxamín, benxamín e alevín, como o Bertamiráns FC, o Milladoiro SD e Estela25.com, ademais de conxuntos de Santiago, A Coruña, A Estrada, Melide, Caldas de Reis ou Riveira, entre outros.
O acto de presentación desta cita deportiva tivo lugar esta mañá no Pazo da Peregrina e a el asistiron o alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Deportes, Ana Ruso, o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Gustavo Falque, e o presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño. O rexedor local destacou que Ames será “a localidade galega que reúna a máis rapaces xogando ao fútbol 8 durante a Semana Santa”. Amor agradeceu a implicación do Bertamiráns FC e a colaboración da Federación Galega de Fútbol nesta iniciativa e animou á veciñanza amesá a acudir a un torneo onde “poderemos ver aos máis pequenos gozando da práctica deportiva, que é a esencia do fútbol”.
Regras do xogo
A competición será mixta e rexerase polas normas da FIFA e da Federación Española de Fútbol, sendo necesario que o club inscrito estea en competición esta temporada. O torneo disputarase na modalidade de fútbol 8. Cada día competirán 24 equipos dunha determinada categoría. O xoves realizarase a competición da categoría benxamín, o venres xogarán os nenos de prebenxamín e o sábado competirán os xogadores de categoría alevín. Os conxuntos que participan neste torneo estarán encadrados en grupos de tres equipos, polo que na primeira fase enfrontaranse entre eles disputando dous partidos cada equipo.
O primeiro e segundo equipo de cada grupo clasificarase para a fase final, mentres que o terceiro xogará a fase de consolación. A segunda fase desenvolverase polo sistema de eliminación directa. Todos os partidos terán unha duración de dous tempos de 12 minutos cada un, excepto nas finais, onde cada parte terá unha duración de 15 minutos.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "La cuarta edición de la Ames Cup de fútbol contará con más de mil deportistas"




