[22-01-2012] Máis dun cento de persoas participaron esta mañá na II Andaina Concello de Ames coa que o Concello pretende promover unha nova ruta polo Rego dos Pasos. O Concello de Ames a través da brigada de restauración de marxes fluviais e forestal dependente da concellería de Medioambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade, limpou durante os últimos meses as marxes fluviais do Rego dos Pasos. Coa finalidade de promover unha nova ruta para dar a coñecer este fermoso entorno natural organizouse a II Andaina Concello de Ames baixo o lema “ Camiña pola conservación do río”. As persoas que acudiron á II Andaina Concello de Ames partiron ás 11.00h do aparcamento de Carrefour que está a carón do paseo fluvial de Bertamiráns para facer un percorrido aproximado de 6 quilómetros a carón do Rego dos Pasos.
O Concello de Ames organizou a II Andaina co lema "Camiña pola conservación do río" para promocionar unha nova ruta que percorre uns seis quilómetros a carón do Rego dos Pasos. Á andaina acudiron persoas de tódalas idades, dende maiores ata nenos. A ruta transcorre entre as árbores que se atopan a carón do río, en pleno entorno natural, e dende ela pódense ver varios muíños, coma os de Pousada, onde os camiñantes fixeron unha pequena parada para descansar.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Medio Ambiente, Eugenia Martín Vicente, que tamén participaron na andaina, agradeceron a boa acollida desta actividade por parte dos veciños e veciñas de Ames e explicaron que o goberno municipal traballa pola conservación e o mantemento do entorno natural e dos ríos que pasan por Ames do mesmo xeito que pon en valor a beleza do municipio. O alcalde e a concelleira animaron a que a cidadanía coide a ruta ao mesmo tempo que disfruta dela.
O Rego dos Pasos
O Rego dos Pasos é un regato que percorre varios quilómetros do municipio amiense dende a parroquia de Ames ata a localidade de Bertamiráns, onde desemboca no río Sar. O Concello de Ames, a través da concellería de Medioambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade, comezou a limpeza do Rego dos Pasos a principios do mes de setembro e rematou neste mes de xaneiro.
As principais actuacións que se levaron a cabo son a retirada de madeira das árbores que estaban caídas no río, a roza das marxes fluviais en zonas de entre un e tres metros, a retirada de madeira, follas e pequenos materiais orgánicos acumulados nas raíces das árbores da ribeira debido á corrente da auga. Tamén se levou a cabo a retirada de residuos sólidos orgánicos que foron aparecendo por todo o cauce así como a eliminación de especies invasoras.
A importancia de manter a ruta
A importancia da nova ruta radica principalmente en que a xente que se anime a camiñar por ella pode contribuír á conservación do entorno coa recollida de residuos ou avisando ao Concello da caída de árbores ou de posibles problemas que se poidan atopar.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Máis de 100 persoas participaron na II Andaina Concello de Ames"




