[30-03-2016] A Asociación Cultural e Xuvenil Val da Maía, coa colaboración do Concello de Ames, organiza este sábado 2 de abril a VIII edición do Festival Val da Maía na Casa da Cultura de Bertamiráns. Neste serán danse cita agrupacións de distintas zonas de Galicia ás que lles une o amor pola música e polo baile tradicionais e polo folk. Ademais de As Maianas, a agrupación anfitrioa, participarán os grupos Os Coribantes, de Pontecaldelas, Estivada Tradicional, de Calo (Teo), Ghalos do Curral, de Pontevedra e os acordeonistas de Lume na Lareira, de A Estrada.
As portas do auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns abriranse ás 20:00 horas, e a entrada ao evento é completamente gratuíta. As integrantes das Maianas; Ruth Cancela, Cruz Negreira, Irene Nieto, Ainoa Raya e Inés Suárez convidan á veciñanza a acudir a Bertamiráns para "botarlle uns bailes".
A Asociación Cultural e Xuvenil Val da Maía naceu no ano 2007, impulsada polo traballo e colaboración de seis cantareiras que compartían o seu gusto pola música galega que se deron a coñecer como As Maianas. Despois de formar parte do obradoiro municipal de música e baile tradicional do Concello de Ames durante varios anos, tomaron a decisión de crear esta asociación.
Polo festival que organizan levan pasado xa numerosas agrupacións dende a súa creación no 2009 e moitas convertéronse en habituais, como Os Coribantes.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Chega o VIII Festival Val da Maía con cinco grupos e o mellor folclore galego"




