Pestanas principais

Luísa Feijóo participa no “Encuentro estatal de Gobiernos Locales y Cooperación Estatal al Desarrollo”

Venres, 12 de novembro de 2021

"Cooperación técnica: as persoas no centro" é o título do relatorio que a 2ª Tenente de Alcalde de Ames e concelleira de Benestar e Igualdade, Luísa Feijóo, presentou no “Encuentro estatal de Gobiernos Locales y Cooperación Estatal al Desarrollo” que se desenvolve na cidade de Córdoba os días 10, 11 e 12 de novembro. Feijóo participou na mesa que leva por título “Instrumentos e experiencias para impulsar a cooperación directa municipalista”. O Encontro está organizado polo Fondo Extremeño Local de Cooperación al Desarrollo (FELCODE), o Fondo Anzaluz de Municipios para la Solidaridad Internacional (Famsi) e o Instituto de Cooperación Internacional y Desarrollo Municipal (INCIDEM).

Este encontro propón abrir un espazo de debate e reflexión acerca da política pública de cooperacion ao desenvolvemento de concellos, deputacións, mancomunidades e redes municipais. O evento tenta tamén por en valor a acción directa municipalista nun contexto de reforma da cooperación española para establecer unha folla de ruta completa e determinar a súa participación na nova arquitectura da cooperación en España.

Na súa intervención, Luisa Feijóo falou da evolución, dende a perspectiva da experiencia do concello de Ames, da cooperación internacional e económica, de como se entendía nos anos 90 a cooperación técnica e de como se debe entender a cooperación no momento actual. Explicou ademais como xurdiu, a través do Fondo Galego de Cooperación, o convenio de cooperación técnica co concello de Tarrafal, que é o que se fixo até de agora e as perspectivas de futuro. 

A Tenente Alcalde de Ames comparte espazo de debate con María Peix, xefa do Servizo de Cooperación Internacional da Área Metropolitana de Barcelona, Rafaela Romero Viosca, Concelleira Delegada Xeral de Servizos Sociales e Mediación Comunitaria do Ayuntamiento de Valladolid, Abel González Ramiro, Alcalde de Guareña y Tesoureiro do Fondo Extremeño Local de Cooperación ao Desenvolvemento (FELCODE) e Santiago Gutiérrez Ruiz, Xerente de Chiclana Natural do Concello gaditano de Chiclana.

A mesa de debate na que participou a concelleira Luísa Feijóo tiña como obxectivos recoñecer o papel dos diferentes instrumentos de cooperación directa municipal e a importancia que teñen cada un deles, ademais de por en valor a cooperación directa municipal e compartir experiencias de éxito nas que se contou coa participación da empresa pública. Tamén se trazaron novas liñas e identificaron posibles novos instrumentos para a cooperación directa municipal de cara a dar resposta aos desafíos globais que emanan Axenda 2030 e os ODS.

Para Luisa Feijóo, que acudiu a este encontro a través do Fondo Galego de Cooperación e con representantes dos concellos de Lugo e Nigrán,  a participación neste tipo de eventos “sempre é enriquecedora” compartir experiencias supón aprender cousas novas e coñecer proxectos e ideas que poden ser aplicados as áreas de influencia de cada quen” Feijóo apuntou tamén que “é un orgullo que un programa de cooperación técnica como o que puxemos en marcha no noso Concello poida ser do interese de entidades como Ciudades y Gobiernos Locales Unidos (CGLU), Platforma, Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) y Fondo Andaluz de Municipios para la Solidaridad Internacional (FAMSI).

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Elevan a un foro estatal los hitos en cooperación internacional de A Maía"

Luísa Feijóo en Córdoba

Multimedia

  • Luísa Feijóo en Córdoba
  • Luísa Feijóo en Córdoba