Pestanas principais

Luis Vallecillo e a Banda do Cuberto interpretan en Bertamiráns O Bigote de Mimí

Mércores, 28 de decembro de 2016

[28-12-2016] A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este xoves, 29 de decembro, o espectáculo O Bigote de Mimí. Trátase dunha montaxe con monicreques e música en directo creada por Luis Vallecillo e a Banda do Cuberto. Esta innovadora proposta para o público infantil está baseada no conto homónimo de Manuel María, o autor ao que este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas, e conta coa colaboración da súa Casa Museo. Un titiriteiro e unha banda de música axudarán a Mimí a contar a súa historia.

Trátase dun espectáculo baseado no libro homónimo de Manuel María, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Mimí, un gato presumido moi orgulloso do seu bigote, involucra a todo un grupo de música para contarnos como un bo día, deixándose engaiolar polo seu amigo Fiz, tivo que medirse cos ratos e a piques estivo de se converter no cazador cazado... Todo isto lévase á escena cun proxecto que une a un titiriteiro e unha banda de música, que axudarán a Mimí a contar a súa historia. Unha suma de recursos escénicos (plásticos, musicais, lingüísticos e corporais) dirixidos ao público infantil e familiar.

Un Dr. Guitarrista, que agocha un segredo nos dedos, un baixista tremendo, un batería sobrado de ritmo, ratos abondos e moitas máis sorpresas nunha obra sen dúbida asombrosa na que a diversión está asegurada. Todo isto poderase ver este xoves, 29 de decembro, ás 17:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.

En O Bigote de Mimí atopamos unha metáfora da inspiración proxectada nos bigotes dun gato: son os que o fan ser quen é pero, se alguén llos afeita pode arrebatarlle a identidade, aínda que quen o faga sexa alguén que o estima e pensa que o fai para o seu ben. Pasou Manuel María pola mesma situación que Mimí? Se foi así, a historia acada unha maior riqueza e deixa unha clara mensaxe: que as nosas vidas sempre debe haber un Manuel de Paderna que nos infunda enerxía e nos inspire para seguir e loitar polo que realmente somos.

Venda de entradas para os espectáculos infantís
Dende o departamento de Cultura infórmase de que están a venda as entradas dos espectáculos infantís de teatro, música e danza da programación de Nadal. Ditas entradas pódense mercar na Billeteira electrónica municipal. Para iso tan só hai que acceder á páxina principal desta web e premer nun dos dous banner que hai da Billeteira, que están na cabeceira da web ou debaixo da sección de Avisos.