Pestanas principais

Lolo Penas e Edymar Brea gañan a proba absoluta da XIX Carreira Pedestre Popular Concello de Ames

Luns, 22 de outubro de 2018

[22-10-2018] Máis de 1.400 persoas participaron este domingo na décimo novena edición da Carreira Pedestre Popular Concello de Ames. Na proba absoluta participaron uns 560 deportistas, mentres que na proba escolar correron arredor de 870 rapaces e rapazas. Na proba absoluta impuxéronse Lolo Penas e Edymar Brea cun tempo de 31:28 e 36:18 respectivamente. A carreira pedestre disputouse nun circuíto de 10 quilómetros homologado pola Real Federación Española de Atletismo, que discorreu pola contorna de Bertamiráns. Esta proba está incluída no VI Circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña. A saída e a chegada estiveron instaladas na rúa Alcalde Lorenzo, ao carón da praza do Concello.

A localidade de Bertamiráns volveu acoller este domingo, 21 de outubro, unha nova edición da Carreira Pedestre Popular Concello de Ames, cuxa saída e chegada estivo situada na rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns. A proba contou coa participación de máis de 1.400 persoas: arredor de 870 nenas e nenos das categorías pitufa/o, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete, inscritas e inscritos na carreira escolar, e 560 persoas adultas repartidas entre as categorías xuvenil, júnior, promesa, sénior e veterana/o. O circuíto da proba absoluta foi homologado na distancia de 10km pola Real Federación Española de Atletismo.

Nesta edición, os gañadores absolutos da carreira foron Lolo Penas, na categoría masculina, cun tempo de 31:28, e Edymar Daniely Brea, na categoría feminina, cun tempo de 36:18. Lolo Penas foi internacional en 12 ocasións entre os anos 2000 e 2014, aínda que na actualidade está retirado da práctica deportiva profesional. Pola súa banda, Edymar Brea foi a segunda finalista da carreira pedestre de Ames 2017, polo que este ano conseguiu superar o seu posto do ano anterior.

No segundo posto da categoría masculina quedou David Santos, mentres que o terceiro posto foi parar a Anxo Castro. Na categoría feminina, Joselyn Brea foi a segunda en chegar á meta, mentres que Esther Rodríguez quedou terceira. Premendo na seguinte ligazón, poderase consultar o posto que acadou cada unha das persoas participantes http://emesports.es/wp-content/uploads/2018/10/01_Clasificaciones-Popular-Ames_Abs.pdf


No tocante á clasificación de equipos, o primeiro posto foi para o Club de Atletismo Sar Vermú Petroni, que acadou 211 puntos, seguido do Club de Atletismo Milladoiro con 805 puntos, e o Club de Atletismo O Pino, con 826.

A carreira pedestre popular comezou, para as corredoras e corredores da proba absoluta e da categoría xuvenil, ás 10:30 horas. Posteriormente, ás 12:00h, tivo lugar a proba da categoría pitufa/o, de rapazas e rapaces nados no ano 2014 e posteriores (200 metros), á que lle seguiron as dos grupos prebenxamíns (350 metros), benxamíns e alevíns (1.000 metros) e infantís e cadetes (2.000 metros), de nenas e nenos nados entre os anos 2003 e 2013.


Unha vez rematadas as carreiras, procedeuse á entrega de trofeos no podio instalado na praza do Concello. Recibiron galardóns as tres primeiras persoas clasificadas en cada categoría, masculino e feminino. Alén diso, na proba absoluta recibiron trofeo as tres primeiras persoas clasificadas, masculino e feminino, empadroadas no Concello de Ames. Para as cinco primeiras da proba popular, houbo premios en metálico e, por primeira vez na historia da carreira, tamén recibiron trofeo os tres primeiros clubs da carreira absoluta. Por último, ao igual que nos últimos anos, os máis pequenos recibiron a súa medalla de chocolate como recoñecemento do esforzo realizado.

Organizada polo propio Concello en colaboración coa Federación Galega de Atletismo, a proba pertence ao VI Circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña. Nesta iniciativa tamén colaboraron outras entidades como a Deputación da Coruña, a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, a cafetaría Don Budi, as empresas Gadis, Serviplus, Los Ángeles Gas e GST Telecomunicacións e o Banco Sabadell. Os clubs de atletismo de Ames (Millaraio, Sar e Bertamiráns) tamén participaron da organización deste evento deportivo. Ademais, a Agrupación de Protección Civil de Ames organizou un operativo especial no que colaborou o club ciclista Os Esfola Arrós. O control da carreira correu a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo da delegación de Santiago de Compostela.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Lolo y Edymar, los reyes de una gran Popular de Ames"
La Voz de Galicia: "Lolo Penas y Edymar Daniely, vencedores de la Carreira de Ames"
Compostela 24 horas: "Lolo Penas e Edymar Brea gañadores da XIX Carreira Pedestre Popular Concello de Ames"