Pestanas principais

A localidade do Milladoiro acollerá entre o 4 e 11 de xullo a segunda edición da iniciativa “Merca e Tapea”

Mércores, 18 de xuño de 2014

[18-06-2014] O salón de plenos da Casa do Concello acolleu unha nova xuntanza da Mesa Local de Comercio. Nesta reunión presentouse a segunda edición da iniciativa “Merca e Tapea”, que se desenvolverá entre o 4 e o 11 de xullo na localidade do Milladoiro. Tamén se dou conta das axudas que convocou o Concello para a promoción do comercio en Ames durante o exercicio 2013 e aprobouse a inclusión na Mesa Local de Comercio da nova presidenta da Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, María Cristina Estévez Mosquera. Nesta xuntanza estiveron representadas tres asociacións de profesionais e comerciantes do concello (Asociación de Comerciantes de Bertamiráns; Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro; e Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar).

A orde do día estivo composta por seis puntos. No primeiro punto abordouse a aprobación das actas correspondentes ás xuntanzas anteriores da Mesa Local de Comercio. No segundo punto tratouse a presentación da nova composición da Mesa Local de Comercio, que foi modificada a través do decreto 1.280/2014. Neste punto aprobouse a incorporación da nova presidenta da Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, María Cristina Estévez Mosquera.

A Mesa Local de Comercio estivo presidida polo concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo, Turismo e Educación, Bernardo Moar. Tamén asistiron Concepción Vilas, como secretaria, María Eugenia Martín, concelleira de Medio Ambiente, Sanidade, Cultura, Deportes e Benestar Social, Jorge Couñago, axente de emprego e desenvolvemento local do Concello de Ames, Sonia Moure, técnica municipal de turismo do Concello de Ames, María Carmen García, representante da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, e Miguel López, representante da Unión de Consumidores de Galicia.

Por parte das asociacións de profesionais e comerciantes do concello asistiron Juan Fernández, en representación da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro; María Cristina Estévez, en representación da Asociación de Comerciantes de Bertamiráns; e José Manuel Fernández, en representación da Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar.

No terceiro punto informouse sobre as axudas concedidas polo Concello para a promoción do comercio en Ames durante o exercicio 2013. De seguido, no cuarto punto falouse da programación que teñen previsto realizar as asociacións comerciais durante o segundo semestre de 2014.

Aprobación da iniciativa Merca e Tapea
Por segundo ano consecutivo a Asociación de Empresarios do Milladoiro (AEMI), en colaboración co Concello de Ames, organizan a iniciativa Merca e Tapea, que se celebrará do 4 ao 11 de xullo na localidade do Milladoiro. Esta iniciativa divídese en dúas partes que se complementan: Merca, con descontos e promocións nas tendas, e Tapea, con ruta de tapas. A través desta iniciativa preténdese dinamizar o sector do comercio minorista e o sector da hostalaría, así como ofrecerlle aos clientes, veciños e visitantes unha oferta comercial e de ocio atractiva.

Os comercios ofrecerán ofertas con prezos especiais e descontos altamente atractivos, mentres que os locais hostaleiros organizarán un concurso de tapas con elaboracións especiais e unha ampla variedade de prezos. No concurso de tapas elixiranse as tres tapas gañadoras entre os locais participantes. O primeiro premio estará dotado de 350 euros; o segundo premio son 150 euros, e o local que prepare a terceira mellor tapa levará 50 euros. Ademais, os tres locais hostaleiros gañadores recibirán un diploma acreditativo do posto acadado no devandito concurso.

No sexto e último último punto da orde do día atendéronse as propostas, rogos e preguntas dos axentes implicados na Mesa Local de Comercio, onde a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns comunicou a intención e elaborar un vídeo denominado Happy Bertamiráns, para promocionar Bertamiráns e os seus atractivos turísticos e comerciais nas redes sociais, para o cal se solicitou a colaboración do Concello de Ames.