Pestanas principais

A localidade do Milladoiro acolle dende hoxe a ata o vindeiro 11 de xullo a iniciativa comercial “Merca, Tapea e Gaña!!!”

Venres, 04 de xullo de 2014

[04-07-2014] Este venres, 4 de xullo, comeza no Milladoiro o evento comercial “Merca, Tapea e Gaña!!!”, que está organizado pola Asociación de Empresarios do Milladoiro (AEMI). Ata o venres, 11 de xullo, haberá importantes descontos nas tendas do Milladoiro e a veciñanza poderá gozar das tapas que sirvan os bares desta mesma localidade. Con esta actuación preténdese impulsar o sector hostaleiro e o comercio local do Milladoiro. Nesta iniciativa participan 66 establecementos comerciais e hostaleiros.

A Asociación de Empresarios do Milladoiro (AEMI) organiza a iniciativa Merca, Tapea e Gaña!!!, que se celebra dende o 4 ao 11 de xullo na localidade do Milladoiro. Esta iniciativa divídese en dúas partes que se complementan: Merca, con descontos e promocións nas tendas, e Tapea, con ruta de tapas nos establecementos hostaleiros.

Segundo informan dende a Asociación de Empresarios do Milladoiro (AEMI) con esta iniciativa preténdese dinamizar tanto o sector do comercio como a hostalaría local, así como ofrecerlle aos clientes, veciños e visitantes unha oferta comercial e de ocio atractiva.

Os comercios ofrecerán prezos especiais e descontos, mentres que os locais hostaleiros organizarán un concurso de tapas. No concurso de tapas elixiranse as tres tapas gañadoras entre os locais participantes. O primeiro premio estará dotado de 350 euros; o segundo premio son 150 euros, e o local que prepare a terceira mellor tapa levará 50 euros. Ademais, os tres locais hostaleiros gañadores recibirán un diploma acreditativo do posto acadado no devandito concurso.

Ademais dos comercios e locais hostaleiros, tamén participan nesta campaña 4 concesionarios de vehículos e o Centro Dental Macía, que ofertarán varios descontos e agasallos.

Está previsto que este evento remate o vindeiro venres, 11 de xullo, cunha festa no aparcadoiro da rúa Agro do Medio. De acordo coa información facilitada por AEMI, esta festa comezará a partir das 17:00 horas, e contará cunha actuación musical, con diferentes actividades e animación para nenos e nenas. Tamén se realizará a entrega dos premios ás mellores tapas e haberá un sorteo de agasallos.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "O Milladoiro acolle ata o día 11 unha cita comercial de descontos e tapas"
La Voz de Galicia: "Comienza en 66 locales de Milladoiro la iniciativa comercial «Merca e tapea»"
El Correo Gallego: "O Milladoiro acolle a iniciativa comercial Merca, Tapea e Gaña!!!"