Pestanas principais

A localidade de Bertamiráns acolle este sábado, 17 de decembro, a décima edición da carreira ciclista do pavo

Venres, 16 de decembro de 2016

[16-12-2016] Bertamiráns acolle unha nova edición da carreira ciclista do pavo, que está organizada pola Asociación Galega de Ciclistas, e que conta coa colaboración da Federación Galega de Ciclismo e do Concello de Ames. Este evento deportivo celebrarase este sábado, 17 de decembro, nas inmediacións do parque do Ameneiral. Trátase dunha proba deportiva coa que se pon fin a temporada ciclista de 2016. Haberá xincanas ciclistas e unha carreira na que se prevé unha participación de máis de 100 ciclistas. As inscricións faranse o propio día da proba a partir das 16:00 horas.

Este sábado, 17 de decembro, porase punto e final a temporada ciclista de 2016 cunha xornada festiva e lúdica na que se celebrará a carreira ciclista do pavo, que está organizada pola Asociación Galega de Ciclistas, e que conta coa colaboración da Federación Galega de Ciclismo e do Concello de Ames. Esta carreira volve a organizarse na localidade de Bertamiráns despois que o ano pasado tamén se realizase nas inmediacións do parque do río Ameneiral.

A carreira comezará ás 17:00 horas e poderán participar nela ciclistas de máis de 15 anos. Nesta proba poderán participar tanto persoas que estean federadas como aqueles que non posúan licenza federativa Estas últimas contarán cun seguro específico para dita carreira. Os deportistas discorrerán por un circuíto de algo menos dun quilómetro de distancia e darán arredor de 30 voltas a dito circuíto. Agárdase unha participación de máis de 100 ciclistas.

As inscricións realizaranse no mesmo lugar da carreira, a partir das 16:00 horas. Os tres primeiros clasificados levarán un trofeo e un pavo (para o primeiro), un polo (para o segundo) e unha perdiz (para o terceiro clasificado). Previamente á competición, tanto nenos/as coma maiores poderán participar nunha xincana ciclista, para o que deberán acudir ao lugar do evento cunha bicicleta e un casco. A organización prestaralle o material a aqueles que non os poidan levar.

A organización da carreira ciclista do pavo anima tanto ao público como aos participantes a acudir, ese sábado, 17 de decembro, a cita cun xoguete que será posto a disposición do Concello de Ames para a súa posterior doazón. Esta competición busca ser, ademais dun acontecemento festivo no mes do Nadal, un evento solidario.