Pestanas principais

A literatura de Julio Verne protagoniza a penúltima conferencia do ciclo "A voltas coas viaxes" que organiza o IES de Ames no Pazo da Peregrina

Mércores, 11 de maio de 2011

[11-05-2011] "Realidade e ficción nas obras de Julio Verne" é o título da penúltima conferencia programada dentro do ciclo "A voltas coa viaxe" que organiza o departamento de filosofía do IES de Ames. Juan Carlos Yürss, profesor de bioloxía do centro, será o encargado de impartir a charla, que terá lugar o mércores 11 de maio a partir das 18.30 horas no Pazo da Peregrina. A actividade encádrase dentro do Ciclo de Formacións Complementarios que organiza o departamento de Filosofía e que este ano está dedicado ás viaxes.

A charla do profesor Yürss xirará sobre a necesidade de desbotar a idea de que o autor nacido en Nantes era un visionario: "Non foi ningún adiantado da súa época. Simplemente era un home que coñecía a ciencia do seu tempo e que foi un grande divulgador dela", explica Yürss.

Na súa charla, o profesor irá explicando as similitudes das aventuras ideadas por Verne co acontecido despois, pero tamén as grandes diferenzas entre a realidade e o que non deixaba de ser ficción, incluso na novela que, segundo o conferenciante, máis similitudes garda co suceso real: "Da terra á lúa".

O acto permitirá tamén coñecer algúns aspectos descoñecidos tanto da obra como da vida do escritor, mesmo algunhas que nos tocan ben de preto, como as súas viaxes por Galicia. "Mesmo dise -explica Yürss-, que a última novela de Julio Verne nunca chegou ser publicada porque o manuscrito perdeuse en edicións "O Porvenir" un selo editorial de Compostela. E máis, o seu título era "A cidade das estrelas" e din que versaba sobre Santiago".

O ciclo "A voltas coas viaxes" rematará o vindeiro mércores 18 de maio. Nesa data Margarita Olivar falará de "As mil e unha viaxes" e Mercedes Neira fará unha "viace ao imperio dos sentidos". E como ven sendo habitual, a última cita do ciclo incluirá unha degustación culinaria.