Pestanas principais

A literatura chega á praza do Concello este sábado 23 de abril para conmemorar o Día do Libro

Luns, 18 de abril de 2016

[18-04-2016] A praza do Concello de Ames acollerá este sábado, 23 de abril, a celebración do Día do Libro. Durante toda a tarde desenvolverase a iniciativa “Literatura na praza”, cun programa que inclúe diferentes actividades para todos os públicos. Haberá exposición e venda de libros, realizarase a presentación do libro do XII Certame Literario do Concello de Ames, obradoiros, actuacións musicais a cargo do grupo Tiberevi e de Lydia Botana, e maila presentación da novela "Camiños de auga" de Manuel Núñez Singala.

O Concello de Ames invita á veciñanza amesá a celebrar este sábado, 23 de abril, o Día do Libro. Para iso preparouse un amplo abano de actividades que se desenvolverán na praza do Concello, en Bertamiráns, ao longo de toda a tarde. A partir das 17:00 horas presentarase o libro do XII Certame Literario do Concello de Ames, que reúne os tres traballos finalistas de cada unha das categorías do certame celebrado o ano pasado, tanto en prosa como en verso. A continuación os irmáns Beatriz e Xabier Blanco, compoñentes do grupo musical Tiberevi, ofrecerán unha mostra do seu primeiro traballo Mentres as baleas dormen.

Entre as 17:30 e as 19:00 horas as persoas asistentes poderán participar nun obradoiro que se desenvolverá na propia praza e no que crearán e decorarán avisos para colgar nas portas, nos que escribirán o lema "Shhh, estou lendo". Ás 19:00 horas, coincidindo co remate do obradoiro, comezará o concerto infantil De aquí para alá, da artista Lydia Botana. En caso de que chova, infórmase de que este espectáculo musical será trasladado ao auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.

Presentación da novela Camiños na auga
Ás 20:00 horas, tralo concerto, o escritor Manuel Núñez Singala achegarase a Bertamiráns para presentar a súa última novela Camiños na auga. Este ano, Núñez Singala forma parte dos membros do xurado do XIII Certame Literario do Concello de Ames.

Durante toda a tarde, entre as 17:00 e as 20:30 horas, os veciños e veciñas poderán achegarse aos postos de venda de libros, nos que participarán as librarías Lenda, Nenos Nais, Pedreira e Follas Novas.

Ademais instalarase un recuncho adicado especialmente a Miguel de Cervantes, con motivo do 400 aniversario do seu falecemento, e unha parte da praza dedicarase ao intercambio e solta de libros. As persoas que se acheguen ata o Recuncho de Cervantes atoparán información sobre a vida e obra do escritor, con algunhas das súas publicacións máis afamadas a disposición do público para a súa lectura.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"A Literatura na praza chega á capital amesá con música, obradoiros e un certame"