Pestanas principais

A liña de autobús de interese municipal entre Bertamiráns e Santiago foi empregada por 1.126 viaxeiros/as durante 2022

Venres, 03 de marzo de 2023

O pasado 23 de xuño de 2022 comezou a funcionar a liña de autobús do servizo de interese municipal, que discorre entre a rúa Alcalde Lorenzo e a estación intermodal de Santiago. Dito servizo discorre polas parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído. Pasados os primeiros meses de funcionamento desta nova liña de transporte o Concello de Ames, a través da Concellaría de Mobilidade, fai balance sobre o número de viaxeiros/as e o investimento feito. Durante o ano 2022, dende o 23 de xuño ata o 31 de decembro, empregaron este servizo un total de 1.126 viaxeiros. Ademais, o funcionamento deste servizo tivo un déficit para as arcas municipais de  37.932 euros.

A Xunta de Galicia e mailo Concello de Ames asinaron no pasado mes de xuño un convenio para poñer en marcha un novo servizo de autobús entre as parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído con Santiago de Compostela. Dito servizo facilita a mobilidade dos veciños e veciñas destas parroquias a través do reforzo do transporte interurbano da Xunta e dun servizo de interese municipal. Dito convenio foi aprobado previamente no pleno ordinario de abril de 2022 por unanimidade da Corporación municipal.

A través deste servizo tratouse de dar unha solución ás persoas usuarias da desaparecida liña de transporte urbano P2, pertencente ao Concello de Santiago, e que discorría polas parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído. Deste xeito, o trazado desta nova liña de interese municipal funciona en ambos sentidos pola rúa Alcalde Lorenzo, en Bertamiráns, para despois continuar por As Cortes, Ortoño (A Igrexa), Guimaráns, Outeiro, Quistiláns, Framil e Costoia, ata a estación intermodal de Santiago.

O obxectivo desta liña de transporte é dar continuidade á prestación dun servizo que xa se viña realizando, e que serve de ligazón coa rede de transporte público de viaxeiros xa existente. Existen sete frecuencias de luns a sábado, con horarios que non se solapan coas frecuencias da liña interurbana de Extramundi de Arriba a Santiago de Compostela; e 6 frecuencias os domingos e festivos.

Balance de 2022
Pasados os primeiros meses de funcionamento desta nova liña de transporte o Concello de Ames, a través da Concellaría de Mobilidade fai balance sobre o número de viaxeiros/as e o investimento feito. Durante o ano 2022, dende o 23 de xuño ata o 31 de decembro, empregaron este servizo un total de 1.126 viaxeiros. Ademais, o funcionamento deste servizo tivo un déficit para as arcas municipais de 37.932 euros.

O alcalde de Ames, Blas García, explica que “a través desta liña reforzouse o servizo de transporte, xa que para a veciñanza do concello de Ames é fundamental ter unha boa comunicación coa capital de Galicia no ámbito urbano e na zona rural. Durante os primeiros 6 meses de funcionamento este servizo foi deficitario para o Concello, pero a pesar diso seguimos apostando polo transporte público, xa que como sempre resaltamos un transporte público de calidade é fundamental para a veciñanza do noso rural”.

Reclamacións para a mellora do servizo
En canto ao funcionamento de dita liña de interese municipal, a concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, explica que “dende o Goberno municipal atendeuse á reclamación da veciñanza amesá que solicita que se habilite unha nova parada preto do Hospital Clínico e do Campus sur da Universidade. Deuse traslado desta solicitude á Xunta, pero polo momento non se obtivo resultado algún”.

A concelleira de Mobilidade, tamén destaca que “a veciñanza que emprega este servizo segue a reclamar esta nova parada, xa que non interfiren no percorrido da liña, ademais faría que o número de usuarios/as aumentara considerablemente e diminuiría o uso do vehículo privado. As anomalías nos horarios vanse solucionando pero seguimos a recibir queixas en semanas puntuais de veciños/as que non chegan a tempo ao seu posto de traballo por non cumprir con todas as frecuencias que constan no contrato”.

Ampliación do servizo para a veciñanza de Fraíz e da Moniña
Por último hai que destacar que despois deste primeiros meses de funcionamento deste servizo de interese municipal nos que se puido comprobar que a veciñanza está facendo uso de dito servizo, dende o Goberno municipal vanlle solicitar á Xunta unha ampliación desta liña de transporte para que tamén preste servizo á veciñanza de Fraíz e A Moniña, na parroquia de Biduído, que carecen do servizo de transporte pola desaparición da antiga liña de transporte urbano P2.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El bus municipal de Ortoño tuvo 1.126 viajeros en los 6 primeros meses de funcionamiento"

Imaxe de arquivo