- Tematica
Esta mañá, o alcalde de Ames, Blas García, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitaron a parcela da rúa Agriños onde se construirás as 79 novas vivendas que recentemente licitou a Xunta de Galicia. O inmoble terá cinco plantas e áticos, con fogares de 2, 3 e 4 dormitorios que terán eficiencia enerxética A. As obras terán un prazo de execución de arredor de 19 meses.
Durante a visita, o alcalde de Ames, Blas García, sinalou que “estamos ante a primeira vivenda de construción pública que se vai facer no noso concello en moito tempo. O Concello de Ames é unha referencia e seguimos traballando para que non sexa a única”. García tamén mencionou que “hoxe en día a vivenda é unha das maiores demandas e das máis necesarias. as administracións témonos que atribuír algo de culpa porque seguramente nos deixamos ir moito e non soubemos ler o problema da vivenda. Ter un emprego digno e unha vivenda á que poidas acceder con normalidade creo que é o que máis lle permite a unha persoa poder ter dignidade e ser máis libre.”.
Para finalizar, o alcalde de Ames fixo referencia á boa relación do Concello coa Xunta de Galicia: “Sempre o repito: creo que somos un exemplo, neste caso, de como administracións de distintos partidos políticos podemos traballar conxuntamente e chegar a obxectivos claros e concretos”.
Pola súa parte, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, destacou que dende a Xunta de Galicia “estamos comezando a traballar na construción da 4.000 vivenda comprometidas, tanto en solo de titularidade da Xunta como de titularidade dos concellos. Ames é un deses 17 concellos que ten cedido solo”.
No referido á construción de vivenda pública en Ames, a conselleira sinalou que “temos diante un proxecto no que se construirán un total de 79 vivendas de promoción públicas con eficiencia enerxética A e van contar cunha calidade excepcional. As obras durarán arredor de 19 meses polo que serán unha realidade no ano 2028, tal como nos comprometemos”, ademais de secundar as palabras de Blas García sobre as boas relacións entre ambas administracións.
Concurso de proxectos
No caso destas vivendas, a Xunta convocou un concurso de proxectos para o deseño da promoción, cun orzamento de 1,4M€. Presentáronse 122 propostas e o xurado xa seleccionou as 6 ofertas convidadas a participar na segunda fase do concurso. A conselleira indicou que previsiblemente a mediados de setembro se coñecerá a proposta gañadora.
Medidas para facilitar o acceso á vivenda
Ademais da construción e a rehabilitación de vivenda, a Xunta está a impulsar medidas para que máis persoas poidan accedan a novos fogares.
Deste xeito, incrementáronse os limiares de renda ata 4 veces o Iprem (4,5 familias numerosas). Así, no caso dunha parella cun fillo, ata agora o limiar máximo estaba en 2.250€ mensuais brutos e pasa a 3.530€ brutos. E para unha familia numerosa, o límite era de 2.571€ e agora de 4.154€.
Ademais, acordouse a reserva do 30% da nova vivenda en réxime de compra-venda para persoas de entre 36 e 45 anos con fillos ao seu cargo, que se une á reserva do 40% das novas vivendas para alugueiro e 25% para compra a menores de 36 anos.













