- Tematica
O salón de plenos da Casa do Concello acolleu hoxe o acto de entrega de premios aos establecementos gañadores da segunda edición do concurso de decoración de Samaín. En total repartíronse 2.000 euros entre os gañadores/as. O primeiro premio de 1.000 euros foi para a librería Leria, o segundo premio de 600 euros recaeu en Dolci e Bambini; e o terceiro premio de 400 euros foi para Labralia. Nesta edición participaron 12 establecementos (11 de Bertamiráns e 1 do Milladoiro). A través deste concurso trátase de fomentar o comercio local de Ames nunha das noites de maior consumo de todo o ano xunto coa de fin de ano. A decoración tivo que estar exposta como mínimo dende o luns 27 de outubro ata o domingo 2 de novembro.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, celebrou hoxe un acto no salón de plenos no que se entregaron os premios do concurso de decoración de Samaín. En dito acto participaron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e dous representantes do xurado (Lucía Rodríguez, en representación do voluntariado de Protección Civil de Ames; e Félix Caramés, representante da Unión de Consumidores de Galicia).
O alcalde, Blas García, dixo “para nós é moi importante que participedes nas actividades que organiza o Concello. Facémolas para axudarvos e colaborar dentro do que podemos. O importante para calquera Concello é que haxa comercio local: autónomos e emprendedores que dean o paso e se decidan a abrir un negocio nos tempos que estamos. Para nós o comercio é moi importante, por iso agradecervos o traballo que facedes”. Por último animou “a apuntarse na campaña dos Bonos Consuma, xa que o prazo de inscrición para os establecementos remata o día 15 de decembro”.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, agradeceulle a todos os establecementos a súa participación neste concurso. “Espero que vos presentedes tamén ao concurso de escaparates de Nadal. Con estes concursos conseguimos que a xente veña a Ames e vexan os escaparates. Estes concursos preténdese dinamizar o noso comercio e hostalería local, pois é unha atracción para atraer a posibles clientes. A xente achégase a ver os escaparates decorados e mesmo bota unha ollada por dentro do establecemento, o que é un incentivo para poder mercar”.
Establecementos premiados
Este ano celebrouse a segunda edición deste certame co obxectivo de fomentar o comercio local de Ames. Este concurso xurdiu en 2024 por petición dos propietarios/as dos establecementos comerciais que foron premiados no concurso de decoración de Nadal, que solicitaron máis iniciativas deste tipo para fomentar que a veciñanza visite e merque no comercio local.
En total repartíronse 2.000 euros entre os gañadores/as. O primeiro premio de 1.000 euros foi para a librería Leria, o segundo premio de 600 euros recaeu en Dolci e Bambini; e o terceiro premio de 400 euros foi para Labralia. Nesta edición participaron 12 establecementos (11 de Bertamiráns e 1 do Milladoiro). Ademais, os establecementos gañadores disporán de espazos publicitarios gratuítos en Ames Radio durante un mes consecutivo, a determinar de acordo coas necesidades de programación da radio municipal.
Composición do xurado
O xurado estivo composto por 3 membros: Natalia Alvaredo, cofundadora da empresa Marxe A+T que forma parte do Coworking A Proa; Lucía Rodríguez, en representación do voluntariado de Protección Civil de Ames; e Félix Caramés, representante da Unión de Consumidores de Galicia. Ademais, un/unha traballador/a da Concellaría de Promoción Económica actuou como secretario/a, con voz pero sen voto.
O xurado valorou os escaparates participantes pola súa capacidade de atracción e xeración do desexo de compra, en base aos criterios de composición e deseño, tendo en conta, ademais, a orixinalidade e a elaboración propia. Do mesmo xeito, valorouse a utilización de elementos propios do obxecto de venda da actividade e materiais de refugallo.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Leria, Dolci e Bambini y Labralia: los comercios mejor ambientados del Samaín amesano"










