Pestanas principais

Lara Lois e Javier Bustos confírmanse gañadores da Transgalaica trala proba amesá do domingo

Luns, 12 de setembro de 2016

[12-09-2016] Na mañá do pasado domingo 212 ciclistas concentráronse no Pazo da Peregrina para participar na cuarta e derradeira proba da Transgalaica 2016. Tras rematar os 62 quilómetros dun circuíto que transcorría polo monte de San Marcos, o rego de Riamontes ou pasaba pola praia fluvial de Tapia o ciclista Javier Busto, na categoría xeral masculina, e a ciclista Lara Lois, na categoría xeral feminina, confirmaban o seu liderado e primeiro posto no circuíto. O equipo Frigoríficos Bandeira-Extol Team, integrado polo proio Javier Busto, clasificouse así mesmo primeiro. A xornada rematou coas felicitacións á organización, o club local Os Esfola Arrós que contou coa colaboración do Concello de Ames, pola boa sinalización e preparación da proba.


Onte tivo lugar a etapa amesá do circuíto Transgalaica 2016. Tralo seu paso por Cotobade, Tui e Vigo a Transgalaica remataba en Ames con Lara Lois, do Club Ciclista O Grove, e Javier Busto, do Frigoríficos Bandeira-Extol Team, como campións da categoría xeral feminina e masculina respectivamente. Ambos os dous foron ademais os primeiros en cruzar a meta este domingo, 11 de setembro, en cadansúa categoría. O club de ciclismo Frigoríficos Bandeira-Extol Team conseguiu así mesmo a primeira clasificación, tanto no circuíto do domingo como na Transgalaica 2016. Completaban a táboa do circuíto Brandán Márquez, Alejandro Trasbach e Manuel Carrelo na categoría xeral masculina e Isabel Picoaga, Ana María González e Diana Blanco na feminina.

O día deixou un cadro coas seguintes clasificacións na proba amesá. Na categoría xeral masculina subiron ao podio, por orde de chegada, Javier Busto, Alejandro Trasbach, Manuel Carrelo e Brandán Márquez. Na xeral feminina fixérono, tamén por orde, Lara Lois, Isabel Castro, Ana María González e Isabel Picoaga. Na categoría Open, na que participaban aquelas persoas inscritas para correr tan só unha volta e non as dúas que compoñían a proba, clasificáronse Félix Barbeira, primeiro, Jonathan Barreiro en segunda posición, Juan Manuel Bautis e Jesús Beis. Na categoría por equipos o Frigoríficos Bandeira-Extol Team coroouse como o gañador da proba, seguido na táboa polos amesáns Os Esfola Arrós e o club de ciclismo Máster Galaico.

Os membros do club amesán de ciclismo Os Esfola Arrós mostráronse satisfeitos trala xornada de onte. “Recibimos felicitacións dos ciclistas pola boa organización, sobre todo polos sinais”, explica unha das súas membros, Verónica Iglesias, quen estivo traballando na organización, “é importante sinalar ben o percorrido, sobre todo en probas como estas”. As boas críticas recibidas son mostra do bo facer do club local, que contou co apoio e aceptación da veciñanza das áreas polas que pasaba o circuíto. “Os meus compañeiros foron falando cos veciños casa por casa, sobre todo as que estaban preto das zonas de paso de ciclistas, explicándolles a proba e pedíndolles precaución”; estes mesmos veciños e veciñas saíron animar aos ciclistas durante a proba.

A organización contou ademais coa colaboración de membros do Ribeiras do Tambre, “un club amigo”, de voluntarios e voluntarias, da Policía Local e da concellaría de Deportes de Ames. “É importante”, afirmou Verónica, “traer probas como esta a Ames porque este formato ten moito éxito”. A membro dos Esfola Arrós engadía ademais que “á xente lle gustou moito o percorrido, e esperamos organizar máis eventos así”. O concelleiro de deportes, José Miñones, afirmou que "para o goberno é unha alegría contar con este tipo de probas que cada ano van a máis e felicitamos aos gañadores e organización emprazándoos para a vindeira". Á entrega de premios asistiron a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, e mailo concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García.

Contido relacionado


La Voz de Galicia:" Javi Busto gana en Ames y logra el título en la Transgalaica"