Pestanas principais

Lapido e Oca están de festa este sábado 22 de setembro

Xoves, 20 de setembro de 2012

[20-09-2012] Os lugares de Lapido e Oca celebran esta fin de semana as festas na honra da virxe das Mercedes e da virxe do Corpiño, respectivamente. En Lapido haberá música a cargo da orquestra Verano Azul, da discoteca móbil Femoni-Música e do grupo de gaitas os Castros. Por outra banda, en Oca a música correrá a cargo da Agrupación de Sar e do trío Máster. En ambas as dúas aldeas haberá actos relixiosos con misas rezadas e cantadas.

Esta fin de semana continúan as festas no concello de Ames. O sábado 22 de setembro as aldeas de Lapido e Oca celebran as súas festas na honra da virxe das Mercedes e da virxe do Corpiño, respectivamente. As celebracións no lugar de Lapido, pertencente á parroquia de Ortoño, comezarán co pasarrúas a cargo do grupo de gaitas Os Castros. Ás 13:00 horas haberá unha misa solemne e a correspondente procesión.

Tralos actos relixiosos haberá sesión vermú que estará amenizada pola orquestra Verano Azul e polo grupo de gaitas Os Castros. Xa pola noite, a partir das 21:30 horas, poderase gozar da verbena coa música da orquestra Verano Azul e a discoteca móbil Femoni-Música. O campo da festa estará cuberto cunha carpa por se o tempo non acompaña e chove.

As festas na aldea de Oca, pertencente á parroquia de Ames, tamén se celebran o sábado 22 de setembro na honra da virxe do Corpiño. As celebracións comezarán ás 10:00 horas cunha misa rezada. Posteriormente, ás 11:00 horas haberá pasarrúas a cargo da Agrupación de Sar. Os actos relixiosos continuarán ás 13:00 horas cunha misa cantada pola Coral da Asociación de Veciños de Oca. Despois dos actos relixiosos será a quenda da sesión vermú na que se poderá gozar da música do trío Máster e da Agrupación de Sar. Xa pola noite seguirá a festa coa verbena que ofrecerá o trío Máster.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Lapido e Oca están de festa este sábado 22 de setembro"