[23-09-2011] O lugar de Lapido na parroquia de San Xoán de Ortoño celebra as festas na honra da Virxe da Mercé durante esta fin de semana. Lapido viste as súas mellores galas para festexar por todo o alto e comezar así con bo pé a entrada do outono. Ortoño estrea con ritmo e son o outono amiense.
Os actos relixiosos xa comezaron o xoves 15 de setembro coas misas da novena na honra da Virxe da Mercé celebradas na igrexa de Lapido ás sete e media da tarde. Este venres, será o último día da novena e, tamén, o comezo da verbena. Resulta importante destacar que haberá servizo de bar e aparcadoiro gratuíto.
A música da orquestra Capitol amenizará a xornada do venres onde os veciños e veciñas de Lapido non poderán parar de mover o esqueleto. Pero, Capitol non será a única atracción xa que o espectáculo do DJ Carlos Ferro suporá unha inxección de alegría grazas as súas fantásticas misturas. Ata altas horas da madrugada os e as asistentes gozarán dunha verbena espectacular que lles deixará un bo sabor de boca.
Porén, a festa non remata aquí xa que o sábado, 24 de setembro, haberá máis baile e diversión para todos os públicos. Xa pola mañá, terá lugar ás 13:00 horas, a misa solemne na honra da Virxe da Mercé e, posteriormente, as persoas que se acheguen ao lugar poderán gozar do aperitivo e da sesión vermú a cargo da orquestra Juan Mallo.
A comisión non se esquece dos rapaces e rapazas e, por iso, o sábado en horario de 17:00 h. a 19:00 horas, os cativos e cativas terán a súa completa disposición uns inchables nos que poderán saltar e xogar ata quedaren esgotados. Como fin de festa, o sábado as orquestras Mallo e Troco darán o último compás obrigando aos asistentes a dar un paso adiante para rematar por todo o alto esta festividade.
O venres e o sábado, a festa está en Lapido.




