Pestanas principais

Juan Carlos Fernández Puga gaña o Gran Premio de Supercross Concello de Ames 2013

Luns, 10 de xuño de 2013

[10-06-2013] O circuíto de Brins acolleu este domingo, 9 de xuño, a primeira proba do Campionato Galego de Supercross. A Asociación Moto club Ameixenda en colaboración co Concello de Ames, foi a encargada, unha vez máis, de organizar por décimo terceiro ano consecutivo o Gran Premio de Supercross Concello de Ames. Juan Carlos Fernández Puga impúxose na categoría MX1, anteriormente denominada sénior, mentres que na categoría MX2 gañou Rubén Fernández García, campión de España na categoría Promesas. Nesta proba participaron un total de 47 pilotos de toda Galicia, que estiveron divididos en seis categorías: MX1, MX2, MX+36, MXAF, MX85, MX65. A concelleira de Deportes, Maria Eugenía Martín, o concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, o presidente do Moto club Ameixenda, José Manuel García Moure, e un representante da Federación Galega de Motociclismo foron os encargados de realizar a entrega de premios.

Os amantes do mundo do motor tiveron onte unha cita no circuíto de Brins. O Moto club Ameixenda organizou un ano máis o Gran Premio Concello de Ames - Brins 2013. Trátase dun circuíto moi espectacular que permite realizar uns grandes saltos. Este é un dos circuítos máis famosos e requiridos entre os pilotos de toda Galicia. Este Gran Premio foi a primeira proba puntuable para o Campionato Galego de Supercross. Nesta proba participaron un total de 47 pilotos de toda Galicia, que estiveron divididos en seis categorías: MX1, MX2, MX+36, MXAF, MX85, MX65.

A proba comezou as 9:00 horas coas verificacións técnicas e administrativas, continuando cos adestramentos libres o longo de toda a mañá, onde os pilotos tomaron contacto co circuíto de Brins. Despois de xantar, ás 16:30 horas, comezaron as diversas carreiras por categorías. Houbo dúas mangas por categoría polo que se puideron ver un total de 12 carreiras. Na categoría MX1, anteriormente denominada sénior, gañou Juan Carlos Fernández Puga, mentres que na segunda posición quedou Adrián Cruz Portabales. O terceiro posto foi para Santiago Giance Maneiro, piloto do Moto club Ameixenda.

Na categoría MX2 gañou Rubén Fernández García, campión de España na categoría Promesas. O segundo posto foi para Sergio Fernández García. Rubén e Sergio son irmáns e forman parte do equipo Rodamoto. Na terceira posición quedou Jorge Paradelo Rodríguez. Na categoría de maiores de 36 anos (MX+36) o gañador foi Santiago Giance Maneiro, membro do Moto club Ameixenda. Na segunda posición quedou Antonio Martínez del Río. O terceiro posto foi para piloto amiense, José Manuel García Moure, presidente do Moto club Ameixenda e que quedou terceiro na clasificación de veteranos na pasada tempada 2012.

Categorías MX65 e MX85
Por outra banda, nas categorías que toman como punto de referencia a cilindrada máxima das motos (MX65 e MX85) venceron Nicolás Otero Planes (MX65) e Yago Martínez Nogueira (MX85). Na categoría MX65 quedou segundo José Canosa Fernández, mentres que terceiro foi Anxo Lois Cabrero Fandiño. Na categoría MX85 quedou segundo Pablo Soto García e terceiro foi Cristián Laíño Caamaño. Por último, na categoría MX Afeccionados gañou Juan Carlos Moreiras González. Segundo quedou Jonathan Vázquez Lema e a terceira posición foi para Silvia Rivas Magariños.

Arredor das 19:00 horas realizouse a entrega de premios a todos os gañadores/as. Os encargados de facer a entrega de premios foron a concelleira de Deportes, Maria Eugenía Martín, o concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, o presidente do Moto club Ameixenda, José Manuel García Moure, e un representante da Federación Galega de Motociclismo.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Fernández Puga gaña o espectacular Supercros de Ames"