Pestanas principais

Josito Porto actúa o domingo en Bertamiráns co súa banda “Factoría de Subsistencia”

Mércores, 19 de agosto de 2020

A praza da Maía de Bertamiráns acollerá o vindeiro domingo, 23 de agosto, a actuación do actor e músico, Josito Porto, na súa faciana máis rockeira. O noso veciño subirase ao palco coa súa banda para presentar o seu proxecto máis persoal, a “Factoría de Subsistencia” co que ten dous traballos editados: “Cerca da túa orella” e “Amores Fraticidas”. Ademais de dar a coñecer un feixe de cancións destes albumes, Josito interpretará algúns temas do que vai ser o seu terceiro disco, cuxa gravación houbo de adiarse por mor da COVID19. A actividade é de balde ate completar aforamento e forma parte da programación “Música na noite” que se encadra no AmesON, programa de fomento e dinamización das actividades económica e cultural de Ames.

As arelas musicais do actor Josito Porto veñen de lonxe. O quiosqueiro de “Pratos Combinados”, premio Maria Casares de Teatro por “Nano” e actor en series tan coñecidas como Matalobos, Libro de familia, Mareas Vivas ou Cuéntame, formou parte xa nos 90 das míticas bandas: Korosi e Dansas e Magritte, entre outros proxectos que, con todo o humor do mundo, el mesmo define como “de dubidosa cualidade”. Tampouco falta a brincadeira, cadndo Josito define á “Factoria de Subsistencia” como música de “cansa-autor”.

O proxecto Factoría de Subsistencia, nace, segundo Josito Porto “pola necesidade de sacar fóra temas, ideas, sensacións, pesadelos e soños que bailaban no meu interior. Pensamentos que, xa na época de Korosi Dansas, fluían con certa discreción ao principio para continuar cun absoluto descaro”.  Tamén o nome do grupo ten a súa explicación: “Estábamos xa inmersos nesa  crise encargada de fastidiarnos os soños e Nate, diante dunhas birrillas fixo alusión a que vira ese nome nun carteliño en Ferrol, a min pareceume idóneo para un sector no que sempre nos vemos na necesidade de subsistir a base de innovar, ou de innovar a base de subsistir?”.

Na noite do domingo, ataviados de máscaras, con todas as medidas de distancia e hixiene e  o aforamento reducido que impón a loita contra a pandemia, os amesáns e as amesás terán a oportunidade de gozar da Factoría de Subsistencia de Josito Porto.

Josito Porto na praza da Maía