Pestanas principais

Jorge Pérez, do club ciclista amesán Os Esfola Arrós, remata na décimo cuarta posición da categoría máster 30 do Open de España XCM

Venres, 16 de abril de 2021

O club ciclista amesán Os Esfola Arrós competiu no Open de España XCM con Jorge Pérez, que participou na categoría de máster 30. Esta proba disputouse na cidade catalá de Cambrils o pasado domingo, 11 de abril. Jorge Pérez percorreu os 60 quilómetros dos que constaba a proba en 2 horas e 31 minutos, cunha media de 23.1 km/h. Completou unha gran proba rematando na décimo cuarta posición da categoría máster 30.

O club ciclista amesán Os Esfola Arrós estivo representado no Open de España XCM con Jorge Pérez, que competiu na categoría de máster 30. Esta foi a segunda proba na que competiu o ciclista do club amesán durante esta temporada. Unha proba de gran nivel na que participaron os mellores bikers da actualidade. A primeira posición foi para o campión de Europa de XCM, o portugués Tiago Ferreira.

Segundo explican dende o club amesán Os Esfola Arrós “foi unha proba moi rápida e nerviosa nos compases iniciais, cada quen buscaba o mellor sitio para si mesmo o que fixo que se produciran moitas montoneras nos primeiros quilómetros que xa picaban cara arriba por boa pista”.

Despois de pasar esa primeira parte da proba, chegou o terreo preferido de Jorge Pérez, con sendeiros técnicos nos que foi capaz de demostrar a súa gran habilidade. Neses intres da carreira xuntouse con Nando Guerra (Extol MTB Team) marcando grandes rexistros de tempo.

Na parte final da carreira estivo no top10 da categoría máster 30 rodando nun bo grupo de ciclistas, pero tivo pequenos erros sobre a area que provocaron que se quedara cortado do grupo no que ía rodando. A pesar diso, rodou en solitario un tramo da proba, e finalmente conseguiu volver a enlazar co grupo.

A gran carreira que fixo Jorge Pérez permitiulle chegar á liña de meta nunha espectacular 14 posición na súa categoría máster 30, estando moi preto de entrar no top10 e competindo cos mellores bikers do momento.

Dende o club Os Esfola Arrós tamén fan unha mención especial a Manuel Casuso, corredor do CDM Xesteiras, e nesta ocasión compañeiro de viaxe de Jorge Pérez, que conseguiu unha espectacular terceira posición na categoría máster 30.

Jorge Pérez, do club ciclista amesán Os Esfola Arrós, chegando á liña de meta

Multimedia

  • Imaxe de Jorge Pérez durante a proba