Pestanas principais

Jonas Vingegaard gaña a contra o reloxo de O Gran Camiño con saída dende O Milladoiro

Luns, 27 de febreiro de 2023

O corredor danés Jonas Vingegaard impúxose este domingo na contra o reloxo final de O Gran Camiño, cun tempo de 23:47. Así pois, o vixente campión do Tour de Francia pechou a súa participación na rolda galega con tres triunfos de etapa, a clasificación xeral e a de montaña. Unha auténtica exhibición do ciclista danés que dá mostra da súa calidade deportiva. Por parte do Concello de Ames asistiron á proba o alcalde, Blas García, e maila concelleira de Deportes, Susana Señorís, que cortaron a cinta inaugural da última etapa e tamén estiveron na entrega de premios instalada na praza do Obradoiro.

O concello de Ames acolleu unha das catro etapas da volta ciclista O Gran Camiño como xa fixera en 2022 na primeira edición desta proba deportiva acollendo a segunda etapa con saída dende Bertamiráns. Nesta segunda edición de O Gran Camiño O Milladoiro foi o punto de saída dunha dura e revirada contra o reloxo que puxo o punto final na praza do Obradoiro. Con saída dende o Novo Milladoiro (punto de paso do Camiño Portugués) e despois de salvar a dificultade orográfica do Alto do Montouto, os ciclistas percorreron as históricas rúas de Compostela, por onde se adentraron no Camiño da Vía da Prata ata o “Final do Camiño”.

A saída estivo instalada na rúa das Hedras, na entrada do parque empresarial Novo Milladoiro. Alí estiveron o alcalde, Blas García, e maila concelleira de Deportes, Susana Señorís, que xunto ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o delegado do Goberno en Galicia, Jose Miñones, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, entre outras autoridades, participaron no corte de cinta que abría a última etapa de O Gran Camiño 2023.

O alcalde, Blas García, destacou o fantástico día de ciclismo no Milladoiro cunha etapa que puxo fin a proba ciclista O Gran Camiño cunha etapa na que volveu a gañar Jonas Vingegaard. Sen dúbida, a de hoxe, é unha xornada moi importante para o noso concello porque permite dar a coñecer esa imaxe moderna e innovadora que amosa desde o Polígono Empresarial Novo Milladoiro. Agradecer a presenza neste día do presidente da Deputación da Coruña, do presidente da Xunta de Galicia, do delegado do Goberno en Galicia, e á organización, en especial a Ezequiel Mosquera, por apostar por un evento deste nivel”.

A concelleira de Deportes do Concello de Ames, Susana Señorís, incidiu “na importancia que ten para Ames acoller etapas da volta ciclista O Gran Camiño, xa que nesta proba deportiva participan algúns dos mellores equipos ciclistas do pelotón internacional. Iso implica unha gran repercusión mediática do noso concello en todos eses países. O ano pasado acollemos a segunda etapa con saída dende Bertamiráns e este ano Ames acolleu a saída da última etapa dende O Milladoiro”.

Exhibición do ciclista danés, Jonas Vingegaard
A contra o reloxo final entre Novo Milladoiro e Santiago de Compostela, de 18.10 quilómetros, deixou ao Team Jumbo Visma como gran vencedor. O corredor australiano Rohan Dennis ocupou a “cadeira quente” durante toda a xornada, cun tempo de 24:22. Os corredores foron pasando e acabando a súa participación, e ningún foi capaz de achegarse ao mellor tempo ata ese momento.

Con todo, a camisola amarela, Jonas Vingegaard saíu cunha forza espectacular en cada pedalada. Isto provocou que ao paso polo punto intermedio colocásese primeiro, con 14:01. Este tempo xa facía presaxiar o futuro da contra o reloxo final. Ademais, Vingegaard, chegou ao ultimo quilómetro a poucos segundos de adiantar a Rubén Guerreiro, que saíra con dous minutos de vantaxe sobre o danés. Finalmente, fixo o mellor tempo, con 35 segundos sobre Rohan Denis, e foi o único corredor en baixar dos 24 minutos.

O cambio máis notable na clasificación xeral foi no segundo e terceiro posto. O corredor portugués Rubén Guerreiro (Movistar Team) perdeu a súa condición de segundo clasificado en favor de Jesús Herrada (Cofidis). O ciclista español estivo moi presionado por Attila Valter (Team Jumbo Visma), cuarto clasificado, e fixo unha gran contra o reloxo que lle permitiu ser segundo, con 17” de diferenza sobre Rubén Guerreiro e 22” con Attila Valter.

Ademais, Cofidis subiu ao podio da praza do Obradoiro tras adiantar nesta contra o reloxo final a Movistar como mellor equipo da carreira. A clasificación de puntos foi para Sebastian Schönberger Human Powered Health e nos mozos o vencedor foi Lukas Nerurkar (TIR).

Foto elaborada por Sprint Cycling

Multimedia

  • A cuarta etapa de O Gran Camiño saíu dende O Milladoiro
  • Foto elaborada por Sprint Cycling
  • Foto elaborada por Sprint Cycling
  • Foto elaborada por Sprint Cycling
  • Foto elaborada por Sprint Cycling
  • Foto elaborada por Sprint Cycling
  • Foto elaborada por Sprint Cycling
  • Foto elaborada por Sprint Cycling
  • Foto elaborada por Sprint Cycling
  • Foto elaborada por Sprint Cycling
  • Foto elaborada por Sprint Cycling
  • Foto elaborada por Sprint Cycling
  • Foto elaborada por Sprint Cycling
  • Foto elaborada por Sprint Cycling