Pestanas principais

Javier Busto e Isabel Picoaga gañaron a segunda proba do circuíto Transgalaica disputada no concello de Ames

Luns, 13 de marzo de 2017

[13-03-2017] O concello de Ames acolleu este domingo, 12 de marzo, a segunda proba do circuíto Transgalaica. Esta proba deportiva estivo organizada polo Club de ciclismo amesán os Esfola Arrós e contou coa colaboración do Concello de Ames. A saída e maila meta estiveron instaladas diante do Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Nesta proba participaron máis de 400 ciclistas. Na categoría masculina de máster 30 gañou Javier Busto do Extol-La Gramola Team, mentres na categoría feminina elite a campioa foi Isabel Picoaga do club de ciclismo 7Voltas.


A segunda edición da Transgalaica Concello de Ames dispuxo dun circuíto de 33 quilómetros pertencente á modalidade de ciclismo de montaña XC-maratón. Esta proba discorreu por Covas, Ventosa, monte de San Marcos, pasou ao carón do rego de Riamonte, subiu ata o alto de Liñaredo, continuou pola praia fluvial de Tapia e pola estrada que vai Seares de Arriba a Lens, pasando pola baixada de Pegariños ata que chegou de novo ao Pazo da Peregrina. Participaron máis de 400 ciclistas superando a participación da primeira edición de 2016. As fotos que se poden ver nesta nova foron cedidas por Rutas Celtas BTT.

Dende o Club de ciclismo amesán os Esfola Arrós, entidade encargada de organizala proba en colaboración co Concello de Ames, mostráronse moi satisfeitos co resultado desta segunda edición da Transgalaica organizada en Ames. Destacaron a alta participación que houbo nesta edición e a satisfacción de todos os clubs participantes pola boa organización deste evento deportivo, así como pola beleza do percorrido. Agardan repetir de cara o próximo ano e poder volver a celebrar unha das probas deste circuíto en Ames.

Na categoría masculina de máster 30 gañou Javier Busto do Extol-La Gramola Team, mentres que na segunda posición quedou Rubén Manuel Atrio, do club de ciclismo Estralos, e terceiro foi José Alberto Soutullo do club ciclista Monteneme Calvo. Na categoría feminina elite a campioa foi Isabel Picoaga do club de ciclismo 7Voltas. Na segunda posición quedou Ana María González, do Extol-La Gramola Team, e terceira foi Silvia García do Bici Verde-Anca. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o resto de resultados desta proba.

A primeira proba da Transgalaica 2017 tivo lugar o pasado 26 de febreiro nos concellos de Cerdedo e Cotobade. A segunda celebrouse este domingo 12 de marzo en Ames, quedando aínda outras dúas probas, que se desenvolverán o 26 de marzo no concello da Estrada e o 9 de abril en Vigo.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames acoge la carrera Transgalaica BTT"
El Correo Gallego: "Javier Busto e Isabel Picoaga se imponen en la Transgalaica disputada en Ames"
La Voz de Galicia: "Busto y Picoaga afianzan el liderato en la Transgalaica"