[29-11-2014] A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu onte a novena edición da Gala do Deporte de Ames. Nela premiouse a traxectoria dos deportistas locais que máis destacaron no ano en disciplinas como o fútbol, o piragüismo, o tenis e o atletismo nun auditorio abarrotado por máis de duascentas persoas. Ademais dos premiados, familiares e amigos, o acto contou coa presenza do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, o alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, o deputado provincial, Manuel Costa, e o xogador do Obradoiro Oriol Junyent, padriño da gala.
O secretario xeral para o Deporte, na súa intervención, manifestou o seu apoio á práctica deportiva na sociedade: “Hai moitas razóns para que as Administracións apostemos polo deporte. Ademais de ser unha fonte de saúde física e mental, é un sector económico con identidade propia e con capacidade para xerar riqueza e emprego”. Lete indicou que Galicia crece grazas ao deporte, aos deportistas, clubs, federacións e todas as entidades públicas e privadas que o apoian.
Pola súa parte, o rexedor amesán reivindicou mellores equipamentos deportivos nun concello “volcado” con esta actividade: "Se hoxe quedou pequena esta Casa da Cultura, non che digo como están as nosas pistas e campos de fútbol. Somos o concello máis xove de Galicia e necesitamos máis instalacións deportivas”. Amor, que felicitou con entusiasmo a todos os premiados, animou a practicar o xogo limpo e a educar a nenas e nenos “nos valores que inspira o deporte: participación, compañeirismo e superación”.
Os premiados
O atleta Daniel Mato e a tenista Celia Montero recibiron de mans de Oriol Junyent e Bernardo Moar, respectivamente, o galardón á promesa máis destacada de Ames. A continuación, o alcalde Amor entregou á piragüista Irene Mirás o premio á deportista máis destacada dun club de Ames.
O Concello tamén quixo recoñecer a traxectoria do Bertamiráns FC, un club fundado en 1933 e que na pasada temporada conseguiu a permanencia en Terceira División. José Ramón Lete entregou o galardón ao seu presidente, Rafael Budiño.
Na gala entregouse un premio especial á Cafetería Tropic Burguer de Bertamiráns pola súa colaboración e patrocinio de numerosos eventos deportivos locais. E tamén á Policía Local.
O presidente fundador do Motoclub Ameixenda, José Manuel García Moure, recibiu un recoñecemento especial por ser o creador do primeiro circuíto de supercross de Ames.
Por último, os futbolistas Yaiza Otero (Amarelle FSF) e Fernando Seoane (CD Lugo) obtiveron o premio ao deportista máis destacado do ano en Ames.
Oriol Junyent tamén recibiu un agasallo e amosou o seu agradecemento ao Concello por ter a oportunidade de apadriñar esta gala. Animou ás xoves promesas a seguir traballando nas súas disciplinas.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "A Gala do Deporte de Ames ensalzou onte os éxitos dos seus deportistas"




