[15-07-2011] O grupo gañador do certame do Millarock, Ith, recolleu na xornada de onte o premio de 1.000 euros de mans do alcalde do Concello de Ames, Santiago Amor, e do concelleiro de Cultura, Educación e Patrimonio, Alfonso Rey. Momentos antes, estiveron en Ames Radio relatando a súa alegría por recibir o premio e deleitáronnos cun dos seus temas, Escuridade. Neste festival participaron un total de 10 bandas e todas elas presentaron dúas cancións de creación propia coa letra en galego. En anos anteriores os gañadores foron Invivo, Dirty Socks ou Belöp.
Miguel e Thais, guitarra e vocalista do grupo Ith, recibiron de mans do alcalde de Ames, Santiago Amor, e do concelleiro de Cultura, Educación e Patrimonio, Alfonso Rey, o premio do certame Millarock, valorado en 1.000 euros.
Santiago Amor interesouse pola formación musical e asegurou que "malia que non poden actuar no Millarock este ano, dende o concello farase o posible para que estean presentes nalgunha outra festa con actuacións musicais e así promocionárense" pois "a idea que temos é axudar aos grupos emerxentes" explicou Alfonso Rey.
Os candidatos foron en total 10 bandas. Os grupos gañadores deste certame nos últimos anos foron Invivo, Dirty Socks e Belöp. Nesta edición, o xurado estivo formado por Gael de Esteban Bassave, membro do grupo musical de Ames, Son do Galpón, Isidro Cea Cabanelas, músico e técnico de son, e Sergio González Táboas, profesor da Escola de Música Municipal. En representación do Concello de Ames actuou como secretaria e animadora cultural María Vázquez Bermúdez. Ith é un grupo de pop/rock de Mesía con 13 anos xa de traxectoria no ámbito musical. Desde os seus inicios, tivérono claro e tomaron a decisión de utilizar idioma galego para facer música dirixida principalmente á mocidade, unha decisión natural, segundo eles mesmos indican, pois exprésanse musicalmente no idioma que utilizan na súa vida cotiá.
O seu propio nome evoca a Galicia e á súa historia, pois provén da lenda dun dos fillos de Breogán, Ith, que intentou conquistar Irlanda. Á formación orixinal do grupo, Miguel (guitarra), Toxo (baixo), Folgueira (batería) e Pablo (guitarra), uníronse en 2009 Rita (teclado e coros) e Thais (voz). O grupo ten moita relación co Concello de Ames, pois a súa voz, Thais, é veciña de Augapesada, na parroquia de Ames. Ith conta cunha maqueta e cun disco editado gravado en directo e fan música con influencias de diversos grupos rock, heavy ou pop. E, como eles mesmos din "cada día nacemos un pouquiño máis e intentaremos ir mellorando a cada paso". No tocante ao un tema tan manido como o da crise, din que tamén teñen menos bolos, pero, aínda así, actuarán no Teixeiro Rock e na Concentración de Motos de Curtis.
Contido relacionado
ITH recoge su premio de 1.000 € por ser el grupo ganador del Millarock