Pestanas principais

Invítase á cidadanía amesá a participar en dúas enquisas promovidas pola Rede Española de Cidades Saudables relacionadas co consumo de alcohol e tabaco durante esta pandemia

Venres, 15 de maio de 2020

O Concello de Ames é membro da Rede Española de Cidades Saudables e está adherido á Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención do Sistema Nacional de Saúde. Dende ela, solicítase colaboración e difusión de dúas enquisas que están relacionadas co consumo de alcohol e tabaco durante esta pandemia. Así, prégase á cidadanía que desexe colaborar que conteste ás enquisas dispoñibles neste enlace sobre o consumo de tabaco, e neste outro enlace sobre o consumo de alcohol.

A Rede de Cidades Saudables está composta por 238 municipios e 2 Deputacións, dos cales 19 son concellos galegos, entre os que se atopa Ames. Esta Rede ten como obxectivos dirixir a súa actividade á promoción e protección da saúde e ao benestar dos cidadáns; asegurar a intercomunicación das cidades participantes en materia de promoción e protección de saúde, e que permita o intercambio de experiencias e o desenvolvemento de proxectos entre cidades, con outros niveis da Administración e con outras organizacións para promover a acción común na promoción e protección da saúde.

Ademais, o Concello de Ames está representado no novo Consello de Goberno da RECS (Red Española de Ciudades Saludables) por medio do seu alcalde, José Miñones, que foi nomeado vicepresidente segundo de dita Rede. O seu nomeamento foi aprobado o pasado 17 de decembro na Xunta de Goberno da FEMP.

Anímase á cidadanía a realizar as enquisas en relación ao consumo de alcohol e tabaco no confinamento

A primeira das enquisas forma parte dun estudo que pretende coñecer o impacto que está tendo o confinamento no consumo de tabaco ou outras formas de consumo, e en que medida influíron os problemas de saúde da poboación e o coronavirus. Pódese acceder a ela a partir deste enlace e a data límite para a súa realización é o 22 de maio.

A segunda delas é a nivel europeo e está dirixida á poboación en xeral. Trata de estudar as experiencias persoais e o consumo de alcohol durante a pandemia actual da COVID-19. Esta enquisa é froito da colaboración entre científicos epidemiolóxicos de varios institutos de investigación de Europa, entre eles a Universidade Politécnica de Dresden (Alemania) e o Hospital Clínic de Barcelona (España). A enquisa é anónima, está dispoñible en 15 idiomas e a súa realización terá unha duración aproximada de 10 minutos. Podes facela premendo neste enlace.

Os datos de ambas enquisas contribuirán a unha mellor comprensión dos patróns de consumo de tabaco, alcohol e outros produtos e sustancias, así como as consecuencias na saúde durante tempos de pandemia ou eventos semellantes que levan consigo restricións e corentena, ao obxecto de apoiar acción e decisións políticas baseadas na evidencia que protexan a saúde e o benestar.

Desta maneira, anímase á cidadanía amesá a que colabore con estes estudos, cubrindo as enquisas e difundíndoas a través de redes para conseguir a maior participación posible.

Ames Saudable