Pestanas principais

Invístese preto dun millón de euros durante o 2020 en actuacións relacionadas co Ciclo Integral da Auga

Luns, 21 de decembro de 2020

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, realizou durante este ano 2020 un investimento de 945.924 euros en  actuacións relacionadas co Ciclo Integral da Auga. Ditos investimentos realizáronse a través de tres vías: fondos propios e do Ciclo Integral da Auga (256.176 euros); Plans provinciais da Deputación da Coruña (318.001 euros); e co canon correctivo derivado do contrato con Espina y Delfín (371.747 euros).

A través dos traballos executados neste exercicio 2020 puidéronse realizar obras nos lugares de Susavila, Suevos e Sorribas, pertencentes á parroquia de Trasmonte, coas que se conseguiu levar o saneamento a todos os núcleos desta parroquia. Na actualidade, tan só quedan unhas zonas moi concretas, que presentaban dificultades de conexión, para poder sanear toda a parroquia de Trasmonte.

Ademais, rematouse no pasado mes de xuño a obra do saneamento de Castrigo, a cal, debido á súa complexidade ao ir ao carón do regato do Ameneiral, levaba varios meses en execución. Tamén se acometeu unha obra de canalización de pluviais en Biduído de Abaixo, dando así solución a un antigo problema que existía neste lugar.

Actualmente estase a realizar a extensión da rede de saneamento en Castelo, na parroquia de Ames, coa que se lle dará servizo a unha serie de vivendas nese núcleo e que non podían conectarse ao existente.

Por outra banda, realizouse a ampliación de redes de saneamento, abastecemento ou pluviais en diferentes lugares do rural amesán: Quintáns (Ames), Ventosa (Covas), Covas (Piñeiro), O Mercuto (A Ameixenda) e Eirapedriña (Bugallido).

Dentro do canon correctivo que forma parte do contrato coa empresa Espina y Delfín realizáronse obras de mellora na depuradora de Sisalde, onde se construíu un pozo de grosos que mellora o sistema de filtrado e depuración da EDAR. Nesta obra investíronse máis de 300.000 euros.

Obras programadas para o exercicio 2021

De cara ao exercicio 2021 xa existe una relación de obras que están aprobadas polo pleno da Corporación municipal e que contan con partida orzamentaria, e todas elas suman un total de 352.377 euros. Ditas obras son:

-Rede de pluviais na Travesía de Fontaldeiro e da Agra (Bertamiráns), cun valor de 174.050,47 euros, que xa está adxudicada.

-Saneamento e abastecemento en Guimaráns (Bugallido), por valor de 76.675,45 euros.

-Rede de pluviais no lugar de Cantalarrana (Ortoño) ata o límite do concello de Brión, na que se investirán 60.796 euros.

-Saneamento e abastecemento no lugar de Quintáns (Ames), cun valor de 40.855,46 euros.

A maiores estanse a proxectar varias obras de saneamento e abastecemento, entre as que destacan a que está previsto realizar no núcleo de Lens, coa que se completaría totalmente o saneamento nesta parroquia. Tamén se están a realizar os estudos e proxectos técnicos da ampliación da rede en Oca (Ames), Capeáns e Ventosa (Covas) Calo (Agrón), etc.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explica que  “nun ano difícil e de parálise durante varios meses, conseguimos un investimento importante en abastecemento, saneamento e pluviais grazas á planificación e ao traballo do departamento de Servizos Básicos e de Contratación”. Ademais, engade “desde finais do 2020 estamos traballando na planificación dos investimentos para os vindeiros anos, nos que temos previsto volver a investir 1 millón de euros como mínimo na ampliación de novas redes co obxectivo de sanear na totalidade o noso concello”.

Novas relacionadas:

Revista AmesGo:  "Case un millón de euros para o Ciclo da Auga en 2020"

Saneamento suevos-sorribas.