- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, estivo executando unha actuación para mellorar as infraestruturas das artes escénicas no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Nunha primeira fase modernizouse o sistema de iluminación, mentres que na segunda executouse a modernización do sistema de son e vídeo. Dito proxecto está cofinanciado con axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), para a concesión de subvencións á modernización e xestión sostible das infraestruturas das artes escénicas e musicais, ao abeiro dos fondos de NextGenerationEU e mecanismos de recuperación e resiliencia do Regulamento (Unión Europea), número 2021/241, convocados para o ano 2024. En 2022 tamén se melloraron as instalacións do auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. En total, en ambos auditorios investíronse 112.789,86 euros.
O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns conta cunhas infraestruturas de artes escénicas renovadas. Nunha primeira fase modernizouse o sistema de iluminación, mentres que na segunda executouse a modernización do sistema de son e vídeo. Dita actuación foi adxudicada á empresa Sergio González Taboada. O importe do contrato ascendeu a 46.105,76 euros, máis 9.681,21 euros de IVA, o que suma un importe total de 55.787,97 euros. Este importe dividiuse en dúas anualidades: en 2024 afrontouse un gasto de 20.920,49 euros, o 37,50% do importe total; e en 2025 abonouse o 62,50% restante, que ascende a 34.867,48 euros.
Dita actuación está cofinanciada con axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), para a concesión de subvencións á modernización e xestión sostible das infraestruturas das artes escénicas e musicais, ao abeiro dos fondos de NextGenerationEU e mecanismos de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) número 2021/241.
O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, incide “na importancia de contar cunhas instalacións municipais renovadas e modernas, xa que son necesarias para desenvolver a ampla programación cultural que ofrecemos ao longo do ano. Somos un Concello que ofrece unha programación moi variada e para iso temos que dispor dunhas instalacións nas mellores condicións posibles para que as compañías, grupos e asociacións veciñais poidan realizar as súas representacións e eventos sen atrancos”.
Mellora do equipamento do auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns
En 2024 realizouse a mellora do equipamento de iluminación instalado en estrutura truss (12 unidades en cor branco de par led con zoom e 10 unidades de cor verde de proxector recorte led máis lente zoom).
Por outra banda, en 2025 mellorouse o sistema de son e vídeo. Instaláronse novos altofalantes principais; os altofalantes de platea; un interface patch de audio dante; un transmisor HDMI HD Base T; unha nova mesa de iluminación; unha nova mesa de son; receptores de microfonía inalámbrica; transmisores de microfonía inalámbrica, baterías e cargador; amplificador; a instalación no teito do proxector con óptica nova; e a instalación de pantalla de proxección.
Co novo material instalado nesta segunda fase, conseguiuse a mellora da cobertura e fiabilidade dos sistemas sen fíos de radiofrecuencia de microfonía; a simplificación na distribución de corrente e sinal de control; a mellora na versatilidade da configuración do son (mesa e rack dixital de escenario), eliminando gran cantidade de cableado e permitindo a gravación de diferentes presets; a mellora do fluxo e do tempo de traballo na montaxe; e a mellora da visibilidade e da calidade da imaxe da pantalla de proxección motorizada e tensado 6 m.
Mellora do equipamento do auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro
Esta actuación únese á executada en 2022 no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro na que tamén se executou a mellora do equipamento de iluminación, vídeo e son. Dita actuación foi cofinanciada con axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais para a concesión de subvencións á modernización e xestión sostible das infraestruturas das artes escénicas e musicais, ao amparo dos fondos de NextGenerationEU e mecanismos de recuperación e resiliencia do regulamento (UE) número 2021/241, convocados para o ano 2022.
Esta actuación foi adxudicada á empresa Tecesa Acústica Visual SL por un importe de 57.001,89 euros (IVE incluído). O importe da axuda concedida ascendeu a 29.646,08 euros. O importe restante, de 27.355,81 euros, foi sufragado polo Concello de Ames.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames mellora o auditorio de Bertamiráns "cunhas instalacións municipais renovadas e modernas""
Diario de Santiago: "Invístense 55.788 euros na mellora das infraestruturas de artes escénicas do auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns"














