O Concello de Ames investiu 35.855 euros procedentes do POS+ Adicional, correspondente á anualidade de 2017, na pavimentación dos viarios interiores do núcleo de Outeiro, pertencente á parroquia de Bugallido. Esta obra foi adxudicada á empresa GR Construcciones, Obras y Servicios, S.L.U. Unha vez rematadas as obras o alcalde de Ames, José Miñones, e mailo concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, visitaron este lugar para comprobar o estado final dos traballos.
A través da incorporación do remanente de tesourería da Deputación da Coruña o Concello de Ames recibiu o pasado ano unha contía de 323.448,23 euros, que foron destinados a varias obras: a instalación dun novo pavimento deportivo no pavillón polideportivo do Milladoiro; ao arranxo do camiño principal en Sandar (Agrón); ao proxecto de mellora da accesibilidade universal na rúa Agro do Medio do Milladoiro; e á pavimentación dos viarios do núcleo de Outeiro, pertencente á parroquia de Bugallido.
Precisamente, no lugar de Outeiro, en Bugallido, executáronse obras para mellorar os viarios interiores deste lugar. Os traballos realizáronse en oito treitos de 95x6,00; 40x6,00; 35x8,00; 45x4,50; 30x3,00; 30x6,00; 25x4,00; e 40x4,00, así como tres zonas de sobreancho de 15x5,00; 10x5,00; e 10x7,00 metros, mellorando estes viarios con cinco centímetros de zahorra e doce de formigón, incluso mallazo e xuntas de dilatación, previa demolición, nivelización e compactación do pavimento existente. Tamén se adaptaron os pozos e mailas arquetas a nova rasante.
A maiores aproveitouse para mellorar o alumeado público e cambiouse o existente por luminarias tipo led o que mellora a iluminación do lugar, ademais de xerar un aforro importante. Agora queda pendente a colocación dunha varanda de seguridade no acceso principal ao lugar.
Comprobación do estado final dos traballos
Estas obra foi adxudicada á empresa GR Construcciones, Obras y Servicios, SLU por unha contía de 35.855 euros. Unha vez rematadas as obras o alcalde de Ames, José Miñones, e mailo concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, visitaron este lugar para comprobar o estado final dos traballos.
O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, explica que “a incorporación de remanentes de tesourería de Deputación permitiunos dispor de máis de 300.000 euros para sufragar catro novos proxectos, que estaban incluídos no plan complementario do POS+ 2017. Deste xeito, puidemos mellorar o pavimento do pavillón polideportivo do Milladoiro, a accesibilidade da rúa Agro do Medio, así como mellorar os viarios das parroquias de Agrón e Bugallido”.
Pola súa banda, o alcalde amesán, José Miñones, amosou a súa satisfacción pola consecución desta obra “tan necesaria e reclamada polas veciñas e veciños de Outeiro, onde non se fixera ningún tipo de obra nos últimos 20 anos, e neste mandato, ademais de arranxar os interiores do lugar se dotou de saneamento a oito vivendas da zona que carecían deste servizo básico”.








