- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, está executando obras de mellora en tres rúas do núcleo urbano de Bertamiráns. Trátase das obras de pavimentación nas rúas Poeta da Maía, Xesteira e Fieira, en Bertamiráns. Dito proxecto foi adxudicado á empresa CANARGA SL por un importe de 110.364 euros. Esta obra está sufragada a través do POS+ 2024 da Deputación da Coruña. Este proxecto súmase a outras obras executadas anteriormente en Bertamiráns como foron os traballos de pavimentación da rúa Muíño, a rúa Rosaleda e a travesía de Paraxó.
O Concello de Ames está executando melloras en tres rúas da contorna da praza de Chavián e da parte oeste da avenida da Maía, en Bertamiráns. A semana pasada comezaron os traballos para mellorar a súa capa de rodaxe, despois de que a Xunta de Goberno Local aprobase a adxudicación de dito proxecto á empresa CANARGA SL por importe de 110.364 euros. As obras de mellora afectan ás rúas Xesteira e Fieira, situadas á altura da praza de Chavián, ao sur da avenida da Maía; e á rúa Poeta da Maía, que conecta esta avenida coa zona do Pedregal.
As actuacións que se están realizando teñen por obxecto a mellora do pavimento nas rúas Poeta da Maía, Xesteira e da Fieira, no núcleo urbano de Bertamiráns. Con esta finalidade estase aplicando unha nova capa de rodaxe a toda a superficie das rúas con 5 centímetros de mestura bituminosa en quente, previo fresado.
Na rúa da Fieira tamén se acondicionou unha nova superficie de 185 metros cadrados mediante 15 centímetros de zahorra, 15 centímetros de grava con tratamento asfáltico semiprofundo e 5 centímetros de mestura bituminosa en quente como capa de rodaxe. As actuacións completaranse coa correspondente sinalización horizontal.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “neste caso estase actuando sobre tres rúas do núcleo urbano de Bertamiráns que precisan unha mellora do pavimento. Estas actuacións permiten mellorar a seguridade viaria na zona. Deste xeito, seguimos avanzando coas obras do POS, que combina actuacións no rural coma nos núcleos urbanos do concello”.
Actuación en Bertamiráns incluídas no POS+ 2025
Por outra banda, en Bertamiráns con cargo ao POS+ 2025 vaise executar a pavimentación das rúas Telleira e Rueiro, e do treito inicial do camiño do Rueiro dende a avenida da Peregrina, e do viario que vai da Condomiña a Punxeiras, en Bertamiráns. Estas actuación teñen un orzamento base de licitación de 147.363,33 euros.
Actuacións de mellora no Milladoiro
Ademais, cómpre destacar que no pasado mes de marzo estiveron executando obras de mellora de pavimentación nas rúas de Pardiñeiros, Seidón e Panasqueira, situadas no Milladoiro. Este proxecto tamén incluído no POS+ 2024 da Deputación da Coruña, foi adxudicado á empresa Excavaciones y Obras Candal SL por un importe de 98.714,18 euros (IVE incluído). A actuación consistiu na mellora da capa de rodaxe nunha superficie total de 5.350 metros cadrados das tres rúas; e maila reposición completa da sinalización horizontal das vías.
Ademais, con cargo á Achega provincial de 2025 do POS+ 2025 vaise a sufragar o proxecto de acondicionamento da rúa Agro da Vella, situada no Milladoiro, que conta cun orzamento base de licitación de 326.160,41 euros.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "O Concello de Ames mellora a pavimentación de tres rúas en Bertamiráns cun investimento de máis de 110.000 euros"








