Pestanas principais

Investiranse máis de 250.000 euros para mellorar os viarios de Gasamáns e O Galiñeiro, en Agrón

Mércores, 20 de decembro de 2023

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, vai a realizar obras de pavimentación para mellorar o estado dos viarios dos núcleos de Gamasáns e O Galiñeiro, pertencentes á parroquia de Agrón. Deste xeito, na Xunta de Goberno Local do 14 de decembro aprobouse a adxudicación das obras de pavimentación dos viarios de Gasamáns á empresa  Obras y Viales de Galicia SL por un importe de 131.420 euros (IVE incluído). Ademais, o pasado 7 de decembro a Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de licitación das obras de pavimentación dos viarios do lugar de O Galiñeiro por un importe de contratación de 132.014 euros (IVE incluído). Os dous proxectos están sufragados con cargo ao POS+ 2023 da Deputación.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, sinala que “continuamos adxudicando e licitando diversas obras sufragadas con fondos do POS+2023 da Deputación. Neste caso renovaranse os viarios interiores e de acceso dos núcleos de Gasamáns e de O Galiñeiro, pertencentes á parroquia de Agrón. O obxectivo é ir renovando e facer un mantemento dos camiños interiores das aldeas do rural. Respondemos deste xeito a unha das demandas máis frecuentes da veciñanza”.

A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 14 de decembro a adxudicación das obras de pavimentación de viarios no núcleo de Gasamáns á empresa Obras y Viales de Galicia SL, por un importe de 131.420 euros (IVE incluído). As actuacións, que se enmarcan dentro do POS+2023, contemplan a mellora dos camiños interiores de dito núcleo e das vías de acceso.

As actuacións que se contemplan no proxecto están encamiñadas á mellora da pavimentación dos viarios do núcleo de Gasamáns, así como do seu acceso. Para os viarios do núcleo proxéctase un novo pavimento composto por 15 centímetros de formigón con mallazo sobre 10 centímetros de zahorra, previa demolición do firme existente. En ambas marxes disporase unha franxa de lastra de granito de 35 centímetros de ancho e cortes transversais, tamén de 35 centímetros de ancho.

Para o viario de acceso de 140 metros de lonxitude total e 3.30 metros de ancho medio, así como un abanico de 50 metros cadrados, preténdese a mellora da capa de rodaxe con 5 centímetros de mestura bituminosa en quente en toda a plataforma, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes con 10 centímetros de grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Ao longo de 100 metros deste viario executarase unha cuneta transitable cun ancho medio de 1.50 metros. Empregarase un pavimento de formigón con mallazo de 15 centímetros de espesor sobre 20 centímetros de zahorra e un bordo de formigón prefabricado na marxe exterior.

A rede de recollida de augas pluviais realizarase mediante canalización de polipropileno de 400 milímetros de diámetro. Na cuneta transitable disporanse arquetas con sumidoiro e no núcleo empregaranse arquetas con sumidoiro, canles de fundición dúctil con reixa para protexer a entrada dalgunhas vivendas e pozos de rexistro. Para a rede de alumeado público disporase en toda a actuación unha canalización de poliproplieno de 90 milímetros de diámetro e arquetas prefabricadas. Finalmente contémplase a apertura de gabias e limpeza de salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal no viario de acceso, a súa sinalización horizontal e a colocación dunha sinal de stop.

Pavimentación de viarios en O Galiñeiro
Ademais, na Xunta de Goberno Local do pasado 7 de decembro aprobouse o expediente de licitación das obras de pavimentación dos viarios do lugar de O Galiñeiro por un importe de contratación de 132.014 euros (IVE incluído). Este proxecto está sufragado con cargo ao POS+ Adicional 2/2023. Ditas obras teñen o obxectivo de mellorar a pavimentación dos viarios do núcleo de O Galiñeiro, así como de varios dos seus accesos.

Para o viario do núcleo proxéctase un novo pavimento composto por 15 cm. de formigón HM – 20 con mallazo sobre 10 cm. de zahorra, previa demolición do firme existente. En ámbalas marxes disporase unha franxa de lastra de granito de 35 cm. de ancho e cortes transversais, tamén de 35 cm. de ancho. Para o resto de viarios preténdese a mellora da capa de rodaxe con 5 cm. de mestura bituminosa en quente tipo AC 16 surf 50/70 a toda a plataforma, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes con 10 cm. grava e tratamento asfáltico semiprofundo.

Esta actuación afecta ó vía principal, que conta con dous treitos de 300 x 4.20 metros e 60 x 3.80 metros, ó camiño de acceso a O Pazo cunha lonxitude total de 250 metros e un ancho medio de 3.00 metros, ó viario de acceso a O Galiñeiro de 60 metros de lonxitude total e 3,20 metros de ancho medio e a un ramal de 65 metros de lonxitude e 3.20 metros  de ancho, así como unha superficie de 150 m2 destinada a abanicos do viario. Ao longo de 350 metros dende o inicio do viario principal e ata a entrada do núcleo de O Galiñeiro executarase unha senda peonil cun ancho medio de 1.80 metros. Empregarase un pavimento de formigón HM – 20 con mallazo de 15 cm. de espesor sobre 20 cm. De zahorra e un bordo de formigón prefabricado na marxe exterior.

A rede de recollida de augas pluviais realizarase mediante canalización de polipropileno de 400 mm. de diámetro. Na cuneta transitable disporanse arquetas con sumidoiro e no núcleo empregaranse arquetas con sumidoiro e canles de fundición dúctil con reixa para protexer a entrada dalgunhas vivendas. Para a rede de alumeado público disporase en toda a actuación unha canalización de poliproplieno de 90 mm. de diámetro e arquetas prefabricadas. Finalmente contémplase a apertura de gabias e limpeza de salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal dos viarios, a súa sinalización horizontal e a colocación de 4 sinais de stop.

Novas relacionadas:

Ames Go: "O Concello mellorará os viarios de Gasamáns e o Galiñeiro, en Agrón"

La Voz de Galicia: "Ames asigna 500.000 euros a obras en Agrón y a construir una pista de atletismo"

Imaxe do proxecto de Gasamáns

Multimedia

  • Imaxe do proxecto de Gasamáns
  • Imaxe do proxecto de Gasamáns
  • Imaxe do proxecto de O Galiñeiro
  • Imaxe do proxecto de O Galiñeiro
  • Imaxe do proxecto de O Galiñeiro