Pestanas principais

As instalacións municipais de Ames están dentro dos valores permitidos de gas radon

Martes, 15 de febreiro de 2011

[15-02-2011] En base o acordo da sesión plenaria municipal do Concello de Ames celebrada o 26 de marzo do 2009, o goberno municipal encargoulle ao Laboratorio de Radon de Galicia, dependente da Área de Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela, o traballo de medición do índice de gas radon que hai nos edificios públicos de ámbito municipal do Concello de Ames. Para realizar este estudo colocáronse un total de 201 detectores de radon en 43 edificios públicos. O resultado do estudo é moi positivo xa que en case todos os locais o gas radon atópase dentro dos valores permitidos. Só en catro edificios se supera levemente o nivel permitido polo que hai que mellorar a ventilación para reducir o índice de gas radon. Ademais vaise difundir un tríptico informativo para que a cidadanía coñeza importancia da determinación deste gas e as medidas que hai que adoptar para previr a exposición ao radon. O Concello de Ames é o único concello de toda Galicia que realizou un estudo destas características.

O radon é un gas que procede da descomposición do uranio, un dos elementos máis abundantes na cortiza terrestre. En menos de catro días redúcese a metade, producindo partículas alfa radioactivas que son inhaladas e provocan lesións nas células do epitelio respiratorio. É un gas incoloro, inodoro e insípido. Segundo o Laboratorio de Radon de Galicia, dependente da Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela, son moitos os estudos realizados en todo o mundo que nos amosan que os habitantes daquelas vivendas con niveis altos de radon teñen un maior risco de desenvolver cancro de pulmón.

Este gas procede do chan sobre o que se constrúe un edificio. Tal e como indica o Laboratorio de Radon de Galicia (LRG), no caso de Galicia as rochas son moi ricas en uranio o que incrementa a posibilidade de que este gas se instale nos edificios. Sen embargo, o procedente da pedra das paredes non supón máis do 20% do total existente nunha casa. Na maioría dos casos o radon accede ao interior dos edificios a través das tubarias e fendas. Segundo os expertos recoméndase que a concentración de radon nas vivendas de nova construción debe ser inferior aos 200 bequerelios por metro cúbico.

O Laboratorio de Radon de Galicia é unha prestixiosa entidade a nivel galego que realizou e está realizando diferentes proxectos de investigación sobre o radon e o cancro de pulmón. Un dos estudos máis importantes que está realizando é o "Mapa de contaminación por radon de Galicia". Ademais entre os anos 2001 e 2003 elaborou un "Mapa de contaminación por radon dos domicilios galegos".

Estudio municipal

Co obxectivo de comprobar o índice de radon que hai nos edificios de ámbito municipal o Concello de Ames encargoulle ao devandito Laboratorio, un estudo de medición para detectar as condicións do aire no interior destas instalacións respecto á radiación alfa. O Concello de Ames é o único concello de toda Galicia que realizou un estudo destas características para comprobar o índice de gas radon que existe nos diferentes edificios públicos de titularidade municipal.

En primeiro lugar analizáronse os planos dos edificios onde se realizou a medición. Posteriormente, o persoal do Laboratorio de Radon de Galicia colocou un total de 201 detectores de radon en 43 edificios públicos de ámbito municipal. O proceso de medición levouse a cabo colocando cada detector de trazas CR-39 no lugar máis axeitado e seleccionando polo persoal do Laboratorio de Radon de Galicia, ficando expostos durante tres meses. Unha vez transcorrido o período, foron recollidos e trasladados nas condicións axeitadas, dentro das súas envolturas de aluminio, ás dependencias do Laboratorio, que están situadas no Hospital Clínico Universitario, revelados e sometidos á lectura microscópica requirida, co que se obtiveron os resultados amosados no estudo que se lle entregou ao Concello.

En Bertamiráns mediuse o nivel de concentración do gas radon nas oficinas de recadación, intervención, educación, tesourería e contratación de obras, urbanismo, Policía local, xulgado de paz, nave de obras, centro sociocultural, pavillón polideportivo, centro de saúde, así como nas dependencias municipais de Aldea Nova e na nave de piragüismo, que se atopa na área recreativa de Tapia.

O estudo tamén se realizou nas dependencias municipais do Milladoiro: oficinas municipais, servizos sociais, centro de saúde, biblioteca, pavillón polideportivo, centro sociocultural do Milladoiro, Escola infantil A Madalena e Escola de educación infantil Milladoiro.

Os centros de ensino e os locais socioculturais foron outros dos edificios incluídos no devandito estudo. Así realizouse a medición no CEP de Ventín, Escola infantil O Bosque, CEIP A Maía, IES de Ames, CEIP de Barouta, CEIP Agro do Muíño, Escola unitaria A Tarroeira e Escola de Guimaráns e nos locais socias de Guimaráns, Biduído, Cruxeiras, Tapia, Augapesada, Covas, Trasmonte, Agrón, Ameixenda, Piñeiro e Lens.

Segundo o Laboratorio de Radon de Galicia o nivel de referencia recomendado nos domicilios é ao redor dos 200Bq/m³, e nos lugares de traballo, aínda non existindo unha concentración de referencia, aconséllase non superar o abano dos 400-600 bequerelios, polo que os valores atopados na maioría dos edificios municipais están dentro da normalidade sen necesidade de tomar ningunha medida correctora extraordinaria. En calquera caso, cómpre lembrar que moitos dos locais medidos non implican unha exposición e permanencia continuadas dos traballadores ou do público en xeral e polo tanto redúcese considerablemente a exposición ao radon, e polo tanto o risco, aínda que se superen os 200 Bq/m3.

O resultado do estudo é positivo xa que en case todos os locais o gas radon atópase dentro dos valores permitidos. Só en catro edificios se supera levemente o nivel permitido polo que hai que mellorar a ventilación para reducir o índice de gas radon. Nos locais municipais xa se adoptaron diferentes medidas correctoras para reducir o índice de radon, mentres que nos locais sociais, aínda que os valores non so moi elevados, o Laboratorio de Radon de Galicia, informou de que é preciso mellorar a ventilación antes de cada estadía ou reunión. Para informar aos veciños e veciñas do lugar vaise colocar unha nota informativa nos devanditos locais socioculturais.

En canto aos centros de ensino, só en un sucede algo semellante que no caso anterior, aínda que os niveis detectados non son moi elevados. Tal e como recomenda o Laboratorio de Radon de Galicia é preciso mellorar a ventilación polo que se dará traslado á dirección do centro desta recomendación.

Ademais dende a concellería de Medio Ambiente vaise a levar a cabo unha campaña informativa para que a cidadanía coñeza que é o gas radon, a importancia da súa determinación e as medidas que hai que adoptar para previr a exposición sobre este tipo de gas.

Xornadas sobre o radon

O Concello de Ames foi convidado a participar, durante o pasado mes de novembro de 2010, nun curso denominado "O radon: exposición de risco para a saúde. Solucións para a súa redución". Esta xornada composta por tres mesas redondas estivo organizada polo Laboratorio de Radon de Galicia. O Concello de Ames, ao ser o primeiro concello de Galicia que realizou un estudo sobre o radon, estivo representado na persoa da concelleira de Medio Ambiente, Úrsula Seijas. Ademais participaron persoas en representación de outras entidades e empresas galegas.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames se libra del radón"
La Voz de Galicia: "Ames se libra del radón"
El Correo Gallego: "Nivel normal de radón en las sedes públicas de Ames"
El Correo Gallego: "Nivel normal de radón en las sedes públicas de Ames"