Pestanas principais

Inscríbete nos obradoiros de robótica que organiza a OMIX

Sábado, 12 de decembro de 2020

A Concellería de Mocidade, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), organiza dous obradoiros de robótica para mozos e mozas maiores de 12 anos. O martes 22 e o mércores 23 de decembro impartirase o taller de programación e electrónica, mentres que o luns 28 e o martes 29 de decembro, desenvolverase o taller de deseño 3D. O prazo de inscrición estará aberto do 14 ao 18 de decembro. Para anotarse débese enviar a ficha de inscrición ao enderezo omix@concellodeames.gal.

A Oficina Municipal de Información Xuvenil continúa programando novas actividades, que están incluídas dentro da programación “Un Nadal diferente”. Este mes de decembro, a OMIX levará a cabo dous obradoiros de robótica dirixidos a mozos e mozas maiores de 12 anos. Sempre que a situación sanitaria o permita, estas actividades realizaranse nas instalacións de We Robots, na Rúa O Rueiro, en Bertamiráns.

O martes 22 e o mércores 23 de decembro, impartirase o curso de programación e electrónica, en horario de tarde, de 17.00 a 20.00 horas. A seguinte actividade será o luns 28 e o martes 29 de decembro, en horario de mañá, de 10.00 a 13.00 horas.

Nestes obradoiros os rapaces e rapazas traballarán con leds, timbres, pilas, circuítos electrónicos e con elementos moi sinxelos. Ademais, aprenderán a programar videoxogos, utilizar tarxetas de micro controladores e placas de prototipado para achegarse ao mundo da electrónica e do deseño de pezas imprimibles en 3D, coñecendo o software de modelado 3D e incluso elaborando algún pequeno proxecto.

Un xeito ameno e sinxelo de iniciarse no mundo da robótica

A concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín, destaca que “estes obradoiros proporcionan un xeito ameno e sinxelo de iniciarse no mundo da robótica, a través do achegamento da mocidade ao coñecemento dos robots, dos sensores e motores e da súa programación. Estes obradoiros únense ás actividades de Scape Room, organizadas dentro do programa Trouleando, que tamén se van a desenvolver este mes de decembro”.

A través destas actividades búscase despertar e fomentar a creatividade da mocidade amesá dunha maneira lúdica, mediante xogos e experimentos, ao tempo que se lle aportan as bases de futuro para que redescubran a ciencia aplicada. Con este obxectivo, búscase que os mozos e mozas se acheguen ás novas técnicas de robótica educativa, programación e deseño, de fácil aprendizaxe e aplicación, ao tempo que se potencia nos e nas participantes a súa creatividade, autoconfianza, pensamento crítico e razoamento científico fomentando o traballo en equipo. 

Tramitación das inscricións

Para realizar a inscrición será necesario cubrir a ficha adxunta e enviala, debidamente cumprimentada, ao enderezo de correo electrónico omix@concellodeames.gal antes do vindeiro 18 de decembro. As prazas iranse cubrindo por rigorosa orde de chegada, tendo preferencia as persoas empadroadas no concello de Ames.

Para obter máis información, as persoas interesadas poden poñerse en contacto coa OMIX de Ames a través do teléfono 616 083 229 ou do correo electrónico omix@concellodeames.gal. 

cartel robótica

Multimedia

  • Cartel obradoiros de robótica