[18-10-2018] O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames pon en marcha a serie de obradoiros de iniciación á regueifa miúda Debullando versos. A través desta iniciativa, buscase facer da improvisación oral un xogo musical en familia que poida formar parte de calquera situación da vida cotiá. Dirixidos a familias con crianzas a partir de 3 anos, os talleres impartiranse o 24 de outubro no Milladoiro, e o 30 en Bugallido. A inscrición deberá realizarse antes do vindeiro martes, 23 de outubro, mediante o envío dun correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, no que apareza o nome e idade dos participantes, un teléfono de contacto e o lugar e sesión escollida.
Esta actividade enmárcase dentro do programa do Apego, que é un proxecto colectivo que busca acompañar, dar apoio ás familias e poñer en valor a transmisión da lingua galega ás crianzas durante os seus primeiros anos de vida, nomeadamente dos 0 aos 6 anos. Con estes obxectivos ofrécese información, recursos e actividades variadas tanto para familias, coma para os nenos e nenas, educadoras e educadores... O proxecto pretende, ademais, que as crianzas se socialicen en galego e reforzar nelas a identidade coa familia e coas raíces a través de diferentes recursos lúdicos, formativos e informativos. En Ames, o programa do Apego conta xa con máis de 100 familias adheridas.
As familias que estean agardando un bebé ou que teñan crianzas de 0 a 6 anos poden inscribirse no programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, ben a través do correo indicado máis arriba, ben a través do teléfono 662 377 215. Desde o momento en que se inscriban recibirán información e recursos útiles para a crianza. Pódese ampliar a información sobre o programa visitando a páxina web www.apego.gal
Debullando versos é unha iniciativa que surxe, ao eido do programa Apego, co obxectivo de mergullar a tódolos membros da familia no mundo da regueifa, combinando movemento, música e palabras para conectar ás distintas xeracións. Dunha maneira divertida iniciarémonos nas pautas básicas da regueifa tradicional, como son a estrutura estrófica, o cómputo silábico, o ritmo e a rima, os campos semánticos ou as metáforas.
A xove cantante e regueifeira Alba María será a encargada de impartir estes obradoiros, que terán lugar no Milladoiro e en Bugallido. O 24 de outubro realizaranse dous talleres no Local Social de Xupemi do Milladoiro, o primeiro dará comezo ás 18.00h mentres que o segundo será ás 19.00h. Por outra parte, o martes 30 terán lugar dous obradoiros máis no Local Social de Bugallido, o primeiro ás 18.00h e o segundo ás 19.00 horas.
Durante cada unha das sesións, Alba María iniciará aos participantes nos mecanismos básicos da improvisación oral en lingua galega, partindo para elo de recursos musicais e corporais, e mostraralles a estrutura tradicional da regueifa, así como unha serie de ferramentas para o canto, versificación e escollas de vocabulario.
Asemade, a través da práctica da regueifa, tamén se buscará afondar na dimensión emocional que existe detrás da transmisión da lingua galega no contacto interxeracional entre os falantes, así como visibilizar a importancia desta lingua como vehículo en todas as fases da vida a través dunha aprendizaxe significativa, respectando a diversidade funcional de todos os seres humanos.
Así, os interesados en participar nestes obradoiros dirixidos a nais, pais, avós, avoas e crianzas de entre 3 e 6 anos, deberán inscribirse antes do 23 de outubro enviando un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, no que debe figurar o nome e idade dos participantes, un teléfono de contacto e o lugar e sesión escollidas. Os interesados en recibir máis información poderán chamar teléfono 662 377 215.