[17-06-2014] O Concello de Ames, a través da concellaría de Deportes, oferta para os meses de xullo e agosto diversas actividades deportivas como son os cursos de natación, que se desenvolverán nas piscinas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro, e os cursos de iniciación ao piragüismo, que se desenvolverán na praia fluvial de Tapia. O prazo para inscribirse nos cursos de natación do mes de xullo está aberto ata este venres, 20 de xuño, mentres que o período de inscrición para participar nos cursos de natación do mes de agosto estará aberto entre o 7 e o 18 de xullo. O prazo de inscrición para participar nos cursos de piragüismo estará aberto ata esgotar todas as prazas.
Os rapaces e rapazas amienses poderán gozar da auga ademais de aprender a nadar, ou perfeccionar o seu estilo, durante as vacacións de verán. Ofértanse 126 prazas por mes, que se repartirán en diferentes horarios ó longo da mañá. Para os maiores de 12 anos resérvanse 30 prazas e o seu curso impartirase de 10:30 h a 11:15 horas. Os rapaces de 10 a 11 anos tócalles a segunda quenda, de 11:15 h a 12:00 horas. Para esta franxa de idade tamén hai 30 prazas.
De 12:00 h a 12:45 horas desenvolverase a terceira quenda na que se ofertan 30 prazas para os rapaces de 8 a 9 anos; e de 12:45 h a 13:30 h haberá 24 prazas dirixidas a nenos e nenas de 6 a 7 anos. A última quenda resérvase para os máis pequenos, 12 prazas para nenos e nenas que teñan entre 3 e 5 anos, que se levará a cabo de 13:30 h a 14:15 horas.
En canto ás inscricións, poderán realizarse na Casa da Cultura do Milladoiro e na Oficina de Cultura e Deportes de Bertamiráns (Pazo da Peregrina) dende as 9:00 h ata as 14:00 horas. O prazo para apuntarse ao curso de xullo esta aberto ata o 20 de xuño. Para apuntarse no curso de agosto o prazo será do 7 ao 18 de xullo. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición para poder matricularte nos cursos de natación.
O prezo desta actividade é de 20 euros, ou 10 euros a partir do segundo membro da unidade familiar e 5 euros a partir do terceiro ou restantes. A documentación necesaria que hai que achegar é o impreso de solicitude cuberto, o resgardo de pagamento e a fotocopia da tarxeta sanitaria. Só poderán participar as persoas empadroadas no Concello de Ames.
Curso de iniciación ao piragüismo
Por outra banda o Concello de Ames tamén organizou un curso de iniciación ao piragüismo para os meses de xullo e agosto, que se desenvolverá na praia fluvial de Tapia. Esta actividade será impartida polo Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre e conta coa colaboración da Deputación da Coruña.
Todas as persoas que desexen iniciarse ou perfeccionar a súa técnica poderán participar nestes cursos de piragüismo. Esta actividade está dirixida aos nenos e nenas de 8 a 14 anos que desexen iniciarse neste deporte. As clases impartiranse os luns, mércores e venres, en horario de 16:30 h a 18:00 horas.
Para esta actividade hai dispoñibles un total de 50 prazas e realizarase durante dous meses (xullo e agosto). Haberá dous cursos para os rapaces e rapazas destas idades, un en xullo e outro en agosto, e ofértanse 25 prazas por curso. O prazo de inscrición non ten límite de data, polo que os rapaces e rapazas interesados poderán apuntarse ata acabar as prazas. O prezo desta actividade é de 30 euros.
En canto ás inscricións, poderán realizarse na Casa da Cultura do Milladoiro e na Oficina de Cultura e Deportes de Bertamiráns (Pazo da Peregrina) dende as 9:00 h ata as 14:00 horas. O prazo para apuntarse nestes cursos xa está aberto. Cómpre salientar que as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición. A documentación necesaria que hai que achegar é o impreso de solicitude cuberto, o resgardo de pagamento, unha fotocopia do DNI e unha foto tamaño carné.




