[17-12-2013] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, e co apoio económico da Deputación da Coruña, preparou unha ampla programación comercial de Nadal con obradoiros, concurso de escaparates, servizo de ludoteca e campaña de regalos. Este ano a programación de Nadal inclúe un novidoso obradoiro denominado “Imos cantar o Nadal”, que se desenvolverá o sábado 21 de decembro no Milladoiro e o sábado 4 de xaneiro en Bertamiráns. Esta actividade está dirixida aos nenos e nenas, que teñan a partir de 6 anos, e aos seus pais, nais, avós, etc. O prazo de inscrición para participar no obradoiro do Milladoiro ampliouse ata o venres 20 de decembro. As inscricións poden realizarse chamando ao número de teléfono 981 883 002 ou enviando un correo electrónico ao enderezo guiadecompras@concellodeames.org.
As persoas que desexen participar no obradoiro “Imos cantar o Nadal”, que se desenvolverá este sábado 21 no Milladoiro, deben darse présa para tramitar a inscrición. O prazo para apuntarse neste obradoiro ampliouse ata o venres 20 de decembro. As actividades comezan ás 10:30 horas no anexo da biblioteca municipal do Milladoiro. Os participantes comezarán construíndo os seus propios instrumentos e farán unha recuperación dos contos de Nadal e de Reis.
De seguido, ás 12:00 horas, as persoas participantes realizarán unha saída para cantar polas rúas e algúns establecementos comerciais e hostaleiros do Milladoiro. Por último, ás 13:00 horas, os nenos/as e adultos farán unha merenda cos aguinaldos conseguidos. Esta actividade está destinada ao público familiar, e recomendado para renos e nenas a partir de 6 anos. Polo tanto, ademais de nenos/as poden participar os pais, nais, avós, etc. Ofértanse 40 prazas para cada un dos obradoiros (40 para Bertamiráns e outras 40 para Milladoiro).
Para calquera aclaración sobre o desenvolvemento desta actividade e para realizar as correspondentes inscricións, poden poñerse en contacto co persoal da Concellaría de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, chamando ao número de teléfono 981 883 002 ou enviando un correo electrónico ao enderezo guiadecompras@concellodeames.org.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Un taller amiense recuperará la música tradicional navideña"




