Pestanas principais

Inscríbete no espectáculo musical Fíos do querer, incluído dentro da programación infantil con Apego

Mércores, 03 de maio de 2017

[03-05-2017] A Concellaría de Normalización Lingüística está organizando para o vindeiro venres, 19 de maio, ás 18:00 horas, un espectáculo musical participativo denominado “Fíos do querer”, que se vai desenvolver na Casa da Cultura de Bertamiráns. Esta actividade está dirixida aos bebes e nenos/as de 0 a 6 anos, acompañados de unha ou dúas persoas adultas. As inscricións poderanse facer ata o 15 de maio enviando un coreo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal co nome e idade do neno/a e un número de teléfono de contacto. Enviarase un correo coa confirmación da praza solicitada.

Fíos do querer é un espectáculo musical participativo, para cantar e bailar, tecido coas agullas máxicas do amor, da lingua, dos bicos, dos aloumiños e das primeiras experiencias compartidas e celebradas. Esta actividade está dirixida a bebes e nenos/as de 0 a 6 anos, que acompañados dos seus pais, gozarán de cantigas de primeiras palabras, para abanear, para dar bicos, facer palmiñas, xirar, brincar… O espectáculo está dividido en dúas partes: unha primeira de música para xogar, cantar e bailar e unha segunda de exploración instrumental con axóuxeres e obxectos sonoros naturais logrando, entre pequenos e grandes, armar unha pequena orquestra.

Neste espectáculo, Cé orquestra pantasma, a partir da personaxe de home orquestra, ofrece un formato musical agarimoso axeitado para a sensibilidade da primeira infancia. O emprego da voz e a actitude de confianza, o suave e rítmico acompañamento musical do ukelele e do seu trebello sonoro para as costas, e as misteriosas árbores de axóuxeres que acompañan estética e harmoniosamente, conseguen namorar a miúdos e grandes dende o comezo do espectáculo.

Esta actividade encádrase no programa Apego, un proxecto de dinamización sociolingüística que procura incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso no proceso de socialización ata os 6 anos. Para ese proceso de incentivar, favorecer e colaborar na socialización en galego da infancia facilítanselles ás familias materiais, tanto físicos (unha caixa de benvida cunha mantiña-apego, un álbum de primeiras experiencias, un libro informativo sobre transmisión lingüística e crianza, un adhesivo, un medidor, un disco de música infantil en galego de diferentes grupos e estilos, etc.) coma virtuais a través do sitio web www.apego.gal.

Ademais de facilitar información, materiais e recursos, a través do programa tamén se procura crear espazos de socialización en galego e desenvólvense actividades, nuns casos formativas e máis dirixidas a nais e pais, coma este obrdoiro, e noutros casos máis de dinamización, dirixidas tamén aos nenos e ás nenas.

Calquera familia interesada no programa, con nenos/as de 0 a 6 anos ou que estea agardando un bebé, pode dirixirse ao Servizo de Normalización Lingüistica a través do correo normalizacion@concellodeames.gal para inscribirse e e recibir información sobre o programa e sobre todas as actividades e recursos dispoñibles.