Pestanas principais

Inscríbete no campus de verán de fútbol que organiza a Fundación Celta de Vigo en Ames

Luns, 01 de xuño de 2015

[01-06-2015] O campus de verán da Fundación Celta de Vigo, que está dirixido a nenos e nenas de 4 a 16 anos, desenvolverase entre o 29 de xuño e o 3 de xullo no campo municipal do Milladoiro. As clases serán impartidas por adestradores titulados e licenciados na disciplina do Club Celta de Vigo. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición para participar neste campus de verán.

Este evento deportivo realizarase de luns a venres, en horario de 10:00 a 14:00 horas, excepto o venres 3 de xullo, que os rapaces e rapazas comerán no campo e pola tarde haberá unha festa para pechar o campus na que tamén participarán os pais e nais dos nenos e nenas participantes. Todos os días os participantes disporán dun pequeno almorzo composto por un bocadillo, froita, auga e bebidas isotónicas. A cada neno/as que participe neste actividade entregáraselle un equipamento oficial de marca ADIDAS, que estará composto por uns calcetíns, un pantalón e unha camiseta.

As clases serán impartidas por adestradores titulados e licenciados na disciplina do Real Club Celta de Vigo. O obxectivo é o ensino e o perfeccionamento de tódolos conceptos relacionados co fútbol e o deporte. Os nenos recibirán unha formación técnica especializada de primeiro nivel nun ambiente de xogo e entretemento imprescindible para a súa aprendizaxe. A metodoloxía que se empregará será a mesma que se utiliza nas categorías inferiores do Celta de Vigo, que foi recentemente recoñecida como a mellor canteira de España. Deste xeito, empregarase un sistema de aprendizaxe rotativo que dividirá o traballo en catro áreas diferentes: coordinación; técnica/táctica; multideporte; e competición.

Prezos e tramites de inscrición
O prezo xeral deste campus é de 130 euros. Aínda así, haberá un prezo especial de 115 euros para os nenos e nenas empadroados no Concello de Ames, os rapaces e rapazas que xogan no Milladoiro SD, os escolares do colexio La Salle e os membros da Peña Celtista do Milladoiro, así como para os colaboradores, abonados e empregados das empresas que son membros de honra do Real Club Celta de Vigo. Xa está aberto o prazo de inscrición. Todos os rapaces e rapazas que se inscriban antes do 6 de xuño recibirán unha segunda camiseta ADIDAS de agasallo.

Para inscribirse haberá que cubrir a ficha de inscrición que se pode obter nesta sección de AVISOS da páxina web do Concello de Ames ou na web da Fundación Celta de Vigo (www.fundacioncelta.com). Unha vez cuberto o impreso de inscrición haberá que envialo por correo electrónico ao enderezo info@fundacioncelta.com. No caso de que o pagamento se realice mediante transferencia bancaria haberá que enviar o xustificante de ingreso a este mesmo enderezo de correo electrónico.