[02-04-2012] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, organiza as II Xornadas sobre violencia de xénero, onde se tratarán as consecuencias da violencia de xénero na infancia e na adolescencia. Esta acción formativa, que está dirixida a profesionais do sector, ten unha duración de 40 horas, 22 a distancia utilizando un manual de formación específico e 18 presenciais. A parte presencial realizarase en cinco xornadas, que se desenvolverán entre o 17 e o 26 de abril, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a ficha de inscrición e o programa das xornadas sobre violencia de xénero.
Todas as persoas interesadas en asistir a estas xornadas deben saber que xa está aberto o prazo de inscrición. Ofértanse un total de 40 prazas que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. Para inscribirse hai que cubrir unha ficha de inscrición que se pode obter nas Unidades de Servizos Sociais do Milladoiro e de Bertamiráns ou descargala na páxina web municipal. Unha vez cuberta hai que entregala nas Unidades municipais de Servizos Sociais. Para obter máis información poden pórse en contacto coa Unidades de Servizos Sociais do Milladoiro (Rúa de Abaixo, 10, teléfono 981535941) e de Bertamiráns (Praza de Chavián, Casa da Cultura de Bertamiráns, 981890964).