Pestanas principais

Inscríbete na xornada de iniciación ao piragüismo que terá lugar este domingo, 18 de xuño, na praia fluvial de Tapia

Mércores, 14 de xuño de 2023

O Concello de Ames, a través do departamento de Deportes, organiza para o domingo, 18 de xuño, unha xornada de iniciación ao piragüismo que se desenvolverá na praia fluvial de Tapia entre as 11:00 e as 13:00 horas. A través desta actividade búscase que os amesáns e as amesás que o desexen poidan aprender nocións básicas sobre esta embarcación. A xornada “Achégate ao piragüismo” consistirá nunha sesión de portas abertas á que poderán asistir todas aquelas persoas maiores de 8 anos, sempre e cando saiban nadar. Para participar é preciso inscribirse previamente a través do correo electrónico info@ribeirasdotambre.es

Coa chegada do verán, a Concellería de Deportes de Ames pon en marcha a súa batería de actividades deportivas para adultos e cativos. Entre elas, un ano máis, desenvolverase no concello unha xornada de iniciación ao piragüismo, que terá lugar este domingo, 18 de xuño, na praia fluvial de Tapia. Entre as 11:00 e as 13:00 horas, os participantes poderán aprender a subirse a unha piragua, a manter o equilibrio e a manexar as palas para que a embarcación se desprace correctamente.

Todas as persoas que desexen iniciarse no deporte do piragüismo poderán gozar desta xornada de portas abertas, que se celebra anualmente. Os únicos requisitos son ser maior de 8 anos e saber nadar. Así mesmo, recoméndase o uso de traxe de baño, camiseta e chancletas. O Concello de Ames conta coa colaboración do Club Piragüismo Ribeiras do Tambre, que se encarga de organizar e impartir esta actividade; e da Deputación da Coruña.

Para participar nesta xornada, que é gratuíta, hai que inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo info@ribeirasdotambre.es indicando nome, apelidos e un teléfono de contacto. Para recibir máis información pódese enviar un correo electrónico ao enderezo deportes@concellodeames.gal ou chamar ao número de teléfono 619 842 504.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames propone el piragüismo y la natación como sus alternativas sanas al sofá estival"

Cartaz da xornada de portas abertas "Achégate ao piragüismo"

Multimedia

  • Cartaz da xornada de portas abertas "Achégate ao piragüismo"